A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe Ribadeo
A Xunta convoca por quinto ano consecutivo axudas de ata 15.000 € para comprar vivendas en centros históricos
Ángeles Vázquez salienta que estas axudas teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá, martes, 4 de xullo, ata o vindeiro 2 de outubro de 2023
A vicepresidenta segunda informa da licitación dos contratos para redactar os proxectos construtivos de 146 vivendas no barrio de Garabolos, en Lugo
A Xunta convoca axudas de ata 15.000 euros para comprar vivendas en centros históricos, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante unha visita ao centro histórico de Ribadeo, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde da localidade, Daniel Vega, a vicepresidenta segunda incidiu en que se trata do “quinto ano consecutivo” no que, ao abeiro do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, se convocan estas axudas, que teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda.
A maiores, Ángeles Vázquez subliñou que esta iniciativa busca contribuír á revitalización dos centros históricos converténdoos en lugares atractivos para vivir e favorecendo a súa dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa poboación. De feito, segundo dixo a conselleira, en convocatorias anteriores máis da metade dos beneficiarios tiñan menos de 35 anos.
Máis polo miúdo, e segundo recolle a convocatoria que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá, martes, 4 de xullo, ata o vindeiro 2 de outubro de 2023.
Logo de salientar que esta liña de financiamento conta cun orzamento inicial de 500.000 euros, a conselleira explicou que as axudas son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das 7 Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos-.
Para optar a esta axuda, ademais de que a vivenda estea situada nun centro histórico, o solicitante tamén deberá cumprir outros requisitos. Así, debe ser español ou ter residencia legal en España; debe ter subscrito -con posterioridade ao 15 de novembro de 2022- un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída -nova, usada ou pendente de rehabilitación-, e os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia deben ser iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).
Para concluír, a vicepresidenta segunda informou tamén que hoxe se licitan dous contratos para a redacción do proxecto e dirección de obra de 146 vivendas de promoción pública no barrio de Garabolos, no concello de Lugo, por un importe total de preto de 1,2 millóns de euros