A Xunta activa a aplicación web para controlar o acceso ao illote do Areoso

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas neste espazo natural, que entrará en vigor mañá, martes, 4 de xullo

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia vén de activar a aplicación web para controlar o acceso ao Areoso, na Illa de Arousa, coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia da orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas no espazo natural que conforman o arquipélago dos Guidoiros —do que forma parte este illote— e a illa da Rúa.

Deste xeito, as persoas interesadas en visitar o devandito espazo protexido poden facer a súa reserva desde hoxe mesmo na ligazón https://areoso.xunta.gal. O sistema deseñado pola Amtega para canalizar as autorizacións de visita e regular o fluxo de persoas que acceden ao illote do Areoso contou en todo momento co apoio e supervisión da Vicepresidencia Segunda e, na práctica, é moi similar ao que se utiliza xa desde hai varios anos no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e no Monumento Natural das Catedrais, polo que a súa eficacia e operatividade están demostradas.

Cómpre lembrar que o departamento autonómico empezou a traballar o ano pasado na regulación de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas co fin de garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.

Para asegurar o cumprimento deste obxectivo, a nova orde, que entrará en vigor, mañá, martes, 4 de xullo, limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas —do amencer ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00 horas ata o solpor—.

Data de actualización: 03/07/2023