O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a casa niño xa en funcionamento acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros

A Xunta amplía as prazas de atención á infancia no concello de Monfero a través das Casas niño

Á casa niño situada no lugar do Xestal sumarase este ano un segundo centro que abrirá nos vindeiros meses, o que elevará a oferta ata as 10 prazas

A última convocatoria de casas niño permitiu acadar os cen centros por toda Galicia con novos servizos en Baleira, Triacastela, Vilarmaior, Monfero, Xunqueira de Espadanedo, Chandrexa de Queixa, Monterrei, Laza e Lobios
 

Monfero (A Coruña), 3 de xullo de 2023 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a casa niño situada no lugar do Xestal, en Monfero, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. A este centro xa en funcionamento sumarase este mesmo ano unha segunda casa niño que abrirá as súas portas nos vindeiros meses, o que elevará as prazas de conciliación da infancia ata as 10 neste municipio coruñés.

Jacobo Rey lembrou que a última convocatoria de casas niño, que se resolveu este pasado mes de xuño, permitirá acadar os cen centro desta tipoloxía por toda a Comunidade. Así mesmo, apuntou que as casas niño permiten ofrecer prazas totalmente gratuítos para nenos de 0 a 3 anos naqueles concellos que non contan con outro servizo de conciliación. En definitiva, un importante dinamizador dos municipios menos poboados de Galicia.

A última convocatoria de casas niño permitirá, ademais de abrir este segundo centro en Monfero, crear recursos nos concellos de: Baleira e Triacastela, nas localidades coruñesas de Vilarmaior e Monfero e nos municipios da provincia de Ourense de Xunqueira de Espadanedo, Chandrexa de Queixa, Monterrei, Laza e Lobios.

Obras de acondicionamento

A través desta orde de axudas, a Xunta destina 900.000 euros a poñer en marcha estes novos servizos. Desta cantidade, 150.000 euros diríxense a financiar as obras de acondicionamento dos locais que acollerán estes centros, cun máximo de 15.000 euros por cada un. Os 720.000 euros restantes sufragarán os gastos da actividade diaria, o que supón unha achega de 21.560 euros por cada casa niño.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023