A Xunta destaca a posta en valor e promoción do Camiño de Santiago a través da “Ruta Quetzal 2023”

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe á expedición en Vilanova de Arousa, onde os seus 200 mozos participantes practicaron o marisqueo a pé, visitaron a lonxa e partiron na ruta fluvial de Mar de Santiago ata Pontecesures

O representante autonómico louvou que esta actividade, que se desenvolverá durante 14 días por toda a comunidade con base na vila arousana, “teña unha especial sensibilidade con Galicia e co Camiño, xa que nesta edición conmemora o 30º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco”

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia destacou a posta en valor e a promoción do Camiño de Santiago a través da expedición Ruta Quetzal 2023. Hacia la luz del fin del mundo, xa que esta edición está dedicada especialmente ao itinerario xacobeo para conmemorar o 30º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

A Ruta Quetzal é coñecida e recoñecida en todo o mundo e, ademais de achegar mozos de toda España a Galicia, tamén nos outorga unha gran visibilidade global, pero é que tamén amosa a súa especial sensibilidade coa nosa terra e co Camiño, posto que todas as actividades deste ano están orientadas a celebrar as tres décadas nas que este gran itinerario cultural e relixioso leva declarado como Patrimonio da Humanidade”, manifestou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O representante autonómico, que foi recibido previamente polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, amosou o apoio do Goberno galego a esta viaxe de estudos e aventura nunha visita ao seu promotor, Íñigo de la Quadra-Salcedo, e aos 200 mozos participantes, procedentes de todas as comunidades españolas, nas actividades de marisqueo a pé na zona do Ariño e no seu percorrido pola lonxa de Vilanova de Arousa. Durante o percorrido estivo acompañado polo tenente de alcalde vilanovés, Javier Tourís, e outros membros do goberno local.

Esta expedición desenvólvese dende o pasado sábado 1 de xullo ata o día 14 do presente mes e ten o seu campamento base en Vilanova de Arousa. Os participantes nesta iniciativa lúdico-cultural realizaron actividades pola comarca do Salnés nesta primeira fin de semana e, posteriormente, seguirán a descubrir os segredos e os escenarios da antiga Gallaecia con visitas, excursións e outros eventos pola Costa da Morte, Fisterra, Muxía, A Coruña, Santiago de Compostela e incluso algún enclave de Portugal.

Ademais de percorrer o paraxe natural do Carreirón na Illa de Arousa, os participantes na Ruta Quetzal 2023 estiveron durante estes días coñecendo a figura do escritor Ramón María del Valle-Inclán, natural de Vilanova, e o proceso de extracción do mexillón nas bateas.

Para a xornada de hoxe, tras as actividades propias do sector marisqueiro, os estudantes tamén teñen previsto facer o percorrido marítimo fluvial do xeodestino Mar de Santiago entre Vilanova de Arousa e Pontecesures coa correspondente parada en Catoira, onde coñecerán os vestixios da cultura viquinga.

A Ruta Quetzal 2023, que xa estivo en anos anteriores en Vilanova de Arousa e a comarca do Salnés, conta coa colaboración de Mar de Santiago e co patrocinio da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2023