Miranda analiza coas entidades galegas en Bos Aires o traballo realizado nos últimos meses en prol da colectividade

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos centros galegos de Arxentina aos que agradeceu, xunto á Delegación da Xunta en Bos Aires, a aten-ción prestada aos residentes no país así como o traballo en prol da difusión da nosa cultura

Aproveitou o encontro para pedir a colaboración das entidades na difusión das diferentes liñas de apoio ao retorno que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que xorden dun acompañamento integral que se inicia xa no propio país de orixe
 

Bos aires (Arxentina), 02 de xullo de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, celebrou onte en Bos Aires unha reunión coas entidades galegas na que se falou sobre o labor desenvolvido por estes centros nos últimos meses en prol tanto dos galegos con maiores necesidades sociais e económicas, como no eido da promoción da cultura galega en Arxentina.

Miranda centrou a súa intervención ante os representantes dos centros galegos en Bos Aires dando as grazas tanto á Delegación da Xunta como ás propias entidades polo traballo que se está a desenvolver, xa que “somos coñecedores do mesmo porque mantemos contacto constante cos centros e sabemos da importancia que o seu labor ten nunha época de especial turbulencia como é a actual, onde a inflación a nivel mundial está a pasar factura a moitas familias”.    

Neste senso, o secretario xeral destacou que dende a Administración autonómica séguese a apostar por apoiar ás entidades no seu traballo no país do Cono Sur, pero tamén polo retorno a Galicia, recordando ás entidades a importancia de dar a coñecer entre a colectividade as políticas de retorno que ten en marcha a Xunta de Galicia e que supoñen un acompañamento integral xa dende o propio país de residencia ás familias que queren regresar e, en especial, os programas que conforman a nova Estratexia Galicia Retorna, aprobada a comezos deste ano.

Finalmente, Miranda tamén animou ás entidades a continuar a divulgar e promover a cultura e a lingua galegas, para manter as tradicións, recuperando as celebracións culturais da colectividade, un labor para o que os centros galegos continuarán a contar co impulso e apoio da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2023