Miranda mantén un encontro cos directivos da Casa de España en Río de Xaneiro, aos que agradeceu a colaboración para a atención social dos galegos residentes nesta localidade brasileira

A Secretaría Xeral da Emigración destina 25.000 euros a esta entidade co obxec-tivo de apoiar a súa oficina de información e asesoramento así como o seu centro de día para maiores

Rio de Xaneiro (Brasil), 01 de xullo de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas un encontro cos representantes da Casa de España en Río de Xaneiro, Brasil, no que lle agradeceu a colaboración coa Xunta de Galicia na atención social aos galegos residentes nesta localidade brasileira. Na visita estivo acompañado polo delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro.

A Secretaría Xeral da Emigración e a Casa de España firmaron un acordo de colaboración recentemente para manter o labor de apoio aos galegos residentes nesta localidade tanto a través do funcionamento do centro de día como do seu punto de información e asesoramento, que contempla unha aportación por parte da Administración autonómica de 25.000 euros.

Esta entidade sen ánimo de lucro ten como finalidade servir de vínculo entre os membros da comunidade galega co obxectivo de manter o recordo da cultura e a lingua galegas, contando con preto de mil afiliados con orixe en Galicia. Desenvolve un importante labor socioasistencial orientado a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas anciás pertencentes á colectividade galega a través do mantemento dun centro social de maiores mediante o que executa actividades de rehabilitación e estimulación mental e física, atendido por persoal especializado, do que se benefician máis de 250 persoas de orixe galega de entre 65 e 96 anos. Ademais, tamén conta cunha oficina de difusión, información e asesoramento á comunidade galega onde se axuda a tramitar as solicitudes das persoas interesadas en participar nas convocatorias dos programas e actividades que executa a Secretaría Xeral da Emigración.

A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con este centro español, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente no Brasil e que estean a pasar dificultades vitais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2023