A Xunta salienta a calidade diferenciada e a viticultura heroica como señas de identidade dos viños da Ribeira Sacra

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na entrega de premios das XXVII Catas de viños desta denominación de orixe

Neste encontro, José Luis Cabarcos fixo especial fincapé no extraordinario labor dos viticultores e destacou tamén a importancia das variedades autóctonas, que lle confiren a estes viños unha personalidade propia

Monforte de Lemos (Lugo), 30 de xuño de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na entrega de premios das XXVII Catas de viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, que se celebrou no concello lugués de Monforte de Lemos. O director destacou a excelencia destes viños e o seu carácter diferencial, que lles confire a condición de referentes no ámbito nacional e mesmo internacional.

José Luis Cabarcos fixo fincapé no extraordinario labor dos viticultores desta denominación de orixe, que está enmarcado dentro da viticultura heroica. O representante da Xunta destacou tamén a importancia das variedades autóctonas e apostou por manter o seu cultivo, para que estes viños sigan tendo unha personalidade propia e característica.

Na mesma liña, Cabarcos referiuse tamén á futura Lei da calidade alimentaria, que se converterá -dixo- nunha nova panca de desenvolvemento para os consellos reguladores. Así mesmo, sinalou que na tramitación desta norma identificáronse varios retos de futuro nos que será fundamental a unión de todo o sector agroalimentario.

As XXVII Catas de viños “Ribeira Sacra, proxecto común” compóñense de tres categorías, unha para os brancos, outra para os tintos e unha terceira para os viños de colleitas anteriores. Neste caso entregáronse cadansúa medalla de ouro, prata e bronce para diferentes viños brancos e tintos e os produtos de colleitas anteriores foron galardoados con tres ouros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023