A Xunta organiza un taller práctico sobre enxerta na vide que terá lugar o 7 de xullo na estación de viticultura e enoloxía de Galicia en Leiro

Os interesados en participar nesta actividade teñen de prazo para inscribirse ata o próximo mércores

O principal obxectivo é facilitar unha serie de coñecementos, tanto teóricos como prácticos, sobre a realización de diferentes tipos de enxerta, o seu funcionamento e as vantaxes de lonxevidade e prevención de enfermidades da madeira

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, organiza un taller práctico sobre enxerta na vide. Terá lugar o vindeiro venres, 7 de xullo, nas instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, na localidade ourensá de Leiro.

Os interesados en participar nesta actividade teñen de prazo ata o próximo mércores, 5 de xullo, para anotarse e deberán preinscribirse a través do seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/acciones-formativas.

O taller, en cuxa organización colabora a Fundación Juana de Vega, iniciarase ás 9 da mañá coa recepción de participantes e a presentación. A continuación comezarán as actividades, centradas na análise dos fundamentos fisiolóxicos e tipoloxías de enxertos en campo e os traballos previos e posteriores á enxerta. Logo farase unha sesión práctica de enxerta no propio predio experimental da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Xa pola tarde haberá outra sesión práctica de enxerta en viñedos da adega Cume do Avia.

Esta actividade formativa vai dirixida especialmente a agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións con orientación comercial, cotitulares ou colaboradores das explotacións, así como titulares e asalariados dunha explotación agraria, industria transformadora, asociación profesional (adega, consello regulador), ou empresa de servizos agrarios. O obradoiro vai destinado tamén a persoas en idade laboral con expectativas de incorporación ao sector primario ou á industria transformadora, a investigadores relacionados coa actividade, a traballadores de empresas vinculadas ao sector e a público en xeral.

Obxectivos da xornada

Con respecto aos obxectivos da xornada, o principal é facilitar aos alumnos unha serie de coñecementos, tanto teóricos como prácticos, sobre a realización de diferentes tipos de enxerta, o seu funcionamento e as vantaxes de lonxevidade e prevención de enfermidades da madeira. Asemade, permitirá aos participantes formarse para unha saída profesional dedicada ao cultivo do viñedo.

Cómpre sinalar, neste sentido, que a enxerta da vide impúxose na viticultura europea como unha técnica de produción de planta resistente á filoxera e hoxe en día resulta imprescindible no cultivo do viñedo. Ademais de facilitar a loita antifiloxérica, a enxerta facilita a utilización de planta cun sistema radicular axeitado ás condicións do solo de cultivo e á presenza de nematodos, permitindo ademais mellorar a produción e a calidade da colleita. Con este taller preténdese, en definitiva, fomentar a profesionalización do alumnado e formalo nas distintas modalidades de enxerta en campo, poñendo en valor este traballo como unha saída laboral cada vez mais demandada.

Data de actualización: 30/06/2023