A Xunta destaca o valor do Premio de Deseño Anfaco-Fundación Sabadell para achegar á sociedade o mundo da conserva de produtos do mar

Vigo, 30 de xuño de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, salientou hoxe que o V Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell contribúe a difundir entre a sociedade o mundo da conserva de produtos do mar ao promover propostas atractivas de envases realizadas por profesionais novos do deseño. Nesta liña, recoñeceu o amplo talento creativo das 179 candidaturas presentadas. Un dato, sinalou, que reflicte a relevancia que adquiriu esta iniciativa no ámbito do deseño gráfico e o interese que suscita entre a mocidade que se está a formar ou que comeza a súa carreira profesional neste eido e que ve neste premio unha oportunidade de dar a coñecer o seu traballo.

Así o sinalou durante o acto de entrega deste recoñecemento, onde tamén fixo fincapé na importancia de eventos coma este para potenciar de xeito innovador o consumo das conservas de produtos do mar e a entrada en novos mercados. Ademais o titular de Mar felicitou á gañadora do premio, Alba Castro, por contribuír co seu traballo a poñer en valor as conservas de peixes e mariscos. A súa proposta denomínase Un bo pescador, representa a un pescador en distintas situacións en cores branca e negra que contrastan con cores vivas e empregarase para envolver as latas de conserva da campaña de promoción Cata la lata entre este mes e xuño de 2024.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 30/06/2023