A Xunta avanza na renovación do seu parque móbil coa substitución de 84 vehículos de máis de 10 anos ou cunha quilometraxe elevada

Vanse adquirir pola modalidade de compra directa por 3,8 M€, dos que 420.000 euros proceden de axudas dos fondos europeos para o Plan Moves III

Os vehículos renovados disporán de tecnoloxía híbrida conectable e permitirán reducir as emisións de CO2 en máis dun 14 %, e tamén diminuír nun 18 % os gastos anuais de mantemento e nun 7,5 % o custo de combustible

As medidas levadas a cabo desde 2009 a través das tres fases do Plan de reestruturación do parque móbil da Xunta supuxeron aforros de máis de 26 M€

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia vén de publicar a contratación, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria, do subministro de dous lotes de 84 vehículos de tecnoloxía híbrida conectable en 2 lotes para avanzar na renovación do seu parque móbil.

O procedemento lévase a cabo pola modalidade de compra directa cun orzamento de licitación de máis de 3,8 M€, dos que 420.000 euros corresponden a fondos dos programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Plan Moves III), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da UE dos Next Generation. De feito, os vehículos adquiridos adáptanse aos requirimentos deste programa ao incentivar a mobilidade eléctrica e substituirán a 84 vehículos de combustión con máis de 10 anos de antigüidade e/ou máis de 300.000 quilómetros.

Con esta finalidade, a Xunta está a dotarse nos últimos anos de vehículos con menor consumo de combustibles fósiles e con menor gasto de mantemento, con baixas emisións de gases e partículas contaminantes ou de emisións cero. En concreto, con esta renovación reduciranse as emisións de CO2 nun 14,28 % e, ao mesmo tempo, conseguirase un aforro do 18,37 % nos gastos de mantemento anuais e do 7,5 % nos custos de combustible.

Nesta liña, os aforros continuarán incrementándose coa licitación da contratación dos servizos de mantemento integral, limpeza e mantemento e substitución dos pneumáticos do parque móbil, xunto cun novo contrato para o subministro de combustible que tamén contempla a estimación do menor consumo dos novos vehículos.

Cómpre lembrar que o parque móbil da Xunta conta actualmente con 358 vehículos en propiedade. O ano pasado renovouse boa parte coa adquisición de 191 na modalidade de leasing no marco do III Plan de Reestruturación do Parque Móbil, polo que con esta compra de 84 vehículos quedaría renovado o 76 % da flota. Só quedarían pendentes de substitución para culminar o plan outros 83 vehículos de combustión de máis de 7 anos que representan o 23 % restante.

O I Plan de Reestruturación do Parque Móbil da Xunta púxose en marcha en 2009 co obxectivo de racionalizar, reestruturar e optimizar os recursos do parque móbil da Administración autonómica, así como reducir os seus gastos de funcionamento e mellorar as prestacións dos servizos aos usuarios e as condicións de traballo do persoal. O programa continuou no 2011 coa aprobación do II Plan e en 2021 co III Plan.

Desta maneira, adecuouse a flota ás necesidades reais, o que supuxo inventariar a totalidade dos vehículos e a renovación parcial dos mesmos, así como reorganizar os servizos coa asignación dos condutores en base a criterios de proximidade e rotación. Na segunda fase do plan, ademais, elimináronse as asignacións permanentes de vehículos e condutores a altos cargos e instaurouse o servizo de vehículo compartido, ademais de implantar unha plataforma informática para a xestión do sistema.

Con estas actuacións, acadouse desde 2009 ata un aforro superior a 26 millóns de euros en comparación cos gastos en exercicios anteriores. Así, conseguiuse unha importante redución nos gastos correntes en combustibles e reparacións que demandan os vehículos máis antigos, do mesmo xeito que se logra baixar as emisións de gases e partículas contaminantes ao medio ambiente.

Data de actualización: 30/06/2023