As escolas de música municipais e de entidades sen ánimo de lucro poderán acceder ás axudas da Xunta

O obxectivo desta convocatoria é potenciar as actividades destes centros, que contribúen a incentivar as vocacións musicais

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 7 de xullo

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2023

As escolas de música municipais e privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro poderán acceder a axudas de ata 9.000€ para financiar a súa actividade. A Xunta vén de publicar esta convocatoria do Diario Oficial de Galicia, dotada con 265.000€, para contribuír ao funcionamento destes centros ao longo do ano 2023.

Poderán acceder a estas subvencións as escolas de música incluídas no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade que dependan de institucións sen ánimo de lucro. Así mesmo, as axudas para as escolas de música públicas, dependentes dos concellos e que estean incluídas no antedito rexistro.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de xullo e as candidaturas deberán presentarse por medios electrónicos e a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

O obxectivo desta convocatoria é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte, tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical.

 

Cómpre salientar que estes centros se dedican á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música. A notable demanda destas ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros que as imparten e a contribución do Goberno galego ao seu funcionamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2023