A Xunta renova por quinto ano o convenio de colaboración coa Fundación Secretariado Xitano para sensibilizar e loitar contra a violencia de xénero

O programa, dotado con 25.000 euros, contribúe na mellora da atención ás mulleres xitanas vítimas de violencia de xénero e na sensibilización en materia de igualdade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Secretariado Xitano (FSX) acordaron un ano máis colaborar co obxectivo de mellorar a atención ás mulleres xitanas vítimas de violencia de xénero en Galicia e sensibilizar e promover relacións igualitarias entre mulleres e homes da comunidade. Con este programa, a Xunta de Galicia ofrece un apoio integral ás vítimas de violencia de xénero desde 2019 cunha achega para este ano de 25.000 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

No marco deste convenio de colaboración, englóbanse accións de atención e axuda ás mulleres xitanas que sofren violencia de xénero tendo en conta a súa dobre discriminación por seren mulleres e xitanas. Grazas a esta iniciativa, promóvense accións de sensibilización sobre igualdade de xénero dirixidas a mulleres e homes, principalmente mozas e mozos, que inclúen temas de conciliación, relacións igualitarias ou recursos para as mulleres. Así mesmo, trátase de capacitar as mulleres no eido das novas tecnoloxías para contribuír a mellorar as súas oportunidades laborais e frear a fenda dixital.

O programa de sensibilización e prevención da violencia de xénero na comunidade xitana galega permitirá tamén participar activamente nos actos no 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, mediante actividades comunitarias coa poboación xitana de diversas localidades.

A nova lei de igualdade que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento de Galicia recoñecerá por primeira vez a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan inda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas, como poden ser, entre outras, a discapacidade, a etnia,... Traballos como o desenvolvido nestas últimos anos coa Fundación Secretariado Xitano xa evidenciaron este compromiso que agora quedará referendado nun texto legal.

 

Data de actualización: 30/06/2023