Preto de 22.000 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 387 prazas de emprego público

Un operativo formado por unhas 280 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Un total de 21.712 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 387 prazas de emprego público.

As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá para cubrir 75 prazas do Corpo superior A1 ás que están convocadas 1.604 persoas; e a partir das 16.00 h. será a quenda dos 8.756 aspirantes convocados para 120 prazas no Corpo auxiliar C2.

O domingo 2 de xullo ás 9.00 h. realizarase o proceso selectivo para o Corpo de Xestión A2 no que están chamadas a participar 2.435 persoas para 90 prazas; e a partir das 16.00 h. terá lugar o exame para o Corpo administrativo C1 con 8.917 aspirantes admitidos e 102 prazas ofertadas.

Operativo de seguridade

Un operativo formado por aproximadamente 280 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Data de actualización: 30/06/2023