O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración da conferencia inicial do proxecto europeo Down to Earth, liderado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

A Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento rural sostible e económico durante a xornada "Down to Earth"

José González destacou o labor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que impulsa o crecemento do agro galego e fai que sexa un referente en Europa

O conselleiro puxo en valor as aldeas modelo e os polígonos agroforestais enmarcados na Lei de recuperación da terra agraria como medidas de dinamización do rural que contribúen á fixación de poboación e á anticipación aos lumes

O proxecto Down to Earth está conformado por oito socios de varios países europeos e busca crear unha estratexia común fronte aos desastres ambientais que afectan o rural, ao mesmo tempo que xera oportunidades económicas para o agro

Santiago de Compostela, 30  de xuño de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nos actos de inauguración da iniciativa Down to Earth, un proxecto europeo liderado pola Axenciaque busca crear políticas que conduzan a un mellor uso das ferramentas e os recursos dispoñibles e a promover o desenvolvemento sostible; así como a aumentar a resiliencia ambiental das comunidades rurais de Europa. O titular de Medio Rural destacou o labor da Consellería para xerar un desenvolvemento rural sostible e que posibilita o crecemento do tecido económico destas áreas.

Así, José González salientou o traballo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como un referente en Europa polo seu labor a prol do agro galego. Neste senso, o conselleiro fixo referencia á Lei de recuperación agraria que mobilizou xa – en dous anos-  arredor de 10.000 hectáreas.

O titular de Medio Rural destacou as aldeas modelo -hai 21 declaradas en Galicia- como un xeito de “devolver a estes núcleos de poboación o papel protagonista que sempre tiveron na ordenación do territorio”. Así mesmo, recordou a creación dos 23 polígonos agroforestais que permiten recuperar grandes extensións de terra e loitar contra os retos do futuro, dándolle unha nova vida aos predios fixando poboación e anticipándose aos lumes.

Os obxectivos destes instrumentos de recuperación da terra agraria coinciden por completo cos do proxecto Down to Earth, ao contribuír á dinamización económica e demográfica das zonas rurais ao mesmo tempo que incrementan a súa resiliencia aos incendios forestais.

José González fixo fincapé en que os retos da Consellería son a loita contra o abandono do rural, pero tamén o mantemento dun tecido económico que permita medrar ao sector agrario. José González apuntou que para manter estes fitos é fundamental que se manteña unha boa transmisión de coñecementos, para trasladar e compartir experiencias  entre os diferentes países europeos. Así mesmo, lembrou que o que une a todos os participantes da iniciativa Down to Earth é “o interese en prover de futuro as zonas rurais dos nosos respectivos países”.

Proxecto Down to Earth

O proxecto Down to Earth busca abordar o desafía do despoboamento rural para mellorar a resiliencia ambiental nos países participantes. Esta iniciativa está liderada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural – dependente da Consellería do Medio Rural- e xunto a ela colaboran outros sete socios, tanto de España coma do resto de rexións europeas, en concreto, de Italia, Alemaña, Grecia, Romanía, Países Baixos e Eslovenia.

A Axencia dirixida por Inés Santé, como líder deste proxecto, xestiona a maioría dos fondos para o seu desenvolvemento. Así, a iniciativa conta cun orzamento de 1,65 millóns de euros e deles algo máis de 450.000 euros serán mobilizados en Galicia (275.562 euros pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e 196.800 euros pola Fundación Juana de Vega),  procedentes do programa Interreg-Europe. Polo tanto, a Axencia reafirma o seu compromiso de coordinar as transferencias de información e coñecemento entre os diferentes cooperantes.

A iniciativa Down to Earth abordará durante os próximos catro anos a identificación e promoción de boas prácticas para a xestión, mantemento e mellora de capital natural das zonas rurais que permita reducir o risco de desastre ambiental e xere, a un tempo, oportunidades económicas e sociais para que o rural siga medrando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2023