A Academia Galega de Seguridade Pública impartiu 252 cursos no que vai de ano coa participación de máis de 9.000 membros dos servizos de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade

Do total, 115 accións formativas centráronse na área de seguridade pública e 147 na de emerxencias, con 4.564 e 4.453 participantes respectivamente

O Consello Reitor da academia reuniuse esta semana para facer balance da actividade desenvolvida na primeira metade de 2023

A Estrada (Pontevedra), 30 de xuño de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) impartiu no primeiro semestre do ano 252 actividades que facilitaron a formación de máis de 9.000 membros dos servizos de emerxencias e dos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia. Do total das accións formativas, 115 centráronse na área de seguridade pública e 147 na de emerxencias, con 4.564 e 4.453 participantes, respectivamente. O balance formativo da primeira metade de 2023 analizouse esta semana con motivo da xuntanza do Consello Reitor da Agasp, que estivo presidido polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

No eido da seguridade pública, a maioría das accións desenvolvidas ata xuño enmárcanse na formación continua dirixida especialmente a persoal da Policía Local, ao que se destinan o 80% das prazas. Foron 49 actividades distintas con 2.090 participantes que afondaron en temas como tiro policial, intervención con menores, redes sociais e adolescencia, ocupación de vivendas, trafico de drogas ou delincuencia económica e fiscal, entre outros.

Outras 26 accións formativas destináronse de xeito específico a persoal da Garda Civil, con 1.159 participantes, a meirande parte deles nos cursos relacionados co sector Tráfico; 24 á Policía Nacional, con 519 persoas inscritas para abordar tiro policial, entrada en inmobles ou investigación patrimonial, entre outros temas; e 13 á Policía Local, coa asistencia de 232 axentes.

A elas súmanse seis cursos de control de acceso, con 330 alumnos, tres cursos básicos de auxiliares de Policía Local e dúas actividades destinadas á Policía Autonómica, con 23 participantes que se formaron en operativa e en condución policial.

Área de emerxencias

Pola súa banda, a meirande parte dos cursos de emerxencias destináronse á formación do voluntariado de Protección Civil. Así, realizáronse 10 edicións de cursos básicos, con 239 persoas matriculadas, e 63 edicións de formación continua, con 1.348 participantes. Destes últimos cursos, 40 impartíronse de xeito descentralizado por toda a xeografía galega, co obxectivo de facilitarlles o acceso á formación ás persoas interesadas.

Os contidos abrangueron prevención e loita contra incendios forestais, busca de persoas desaparecidas, rescate en lugares de difícil acceso, condución de vehículos todoterreo e colaboración en dispositivos ante grandes concentracións humanas, entre outros.

A maiores, realizáronse 27 edicións de formación continua para servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias, con 694 participantes; nove de socorrismo, reciclaxe, adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo, con 193 persoas matriculadas e 38 cursos enmarcados no convenio coa Consellería do Medio Rural, nos que participaron 1.979 profesionais.

Centro de referencia na formación

Cómpre lembrar que Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Así, o conxunto das accións formativas previstas para 2023 suma máis de medio cento, 245 no eido da seguridade pública e 280 no das emerxencias. A cifra supón un importante incremento con respecto ao pasado ano, no que se impartiron 441 cursos con preto de 12.000 persoas diplomadas.

Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, máis de 2.900 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Os 165.300 alumnos restantes corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.

Data de actualización: 30/06/2023