Mañá comeza a campaña extractiva do polbo en toda Galicia e arranca a veda da centola na provincia de Lugo

A pesca do cefalópodo prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2024, que se fixará no correspondente plan de xestión

As cotas de captura soben en relación con campañas anteriores e estase a ultimar a modificación da orde de talles mínimos para permitir unha marxe de tolerancia na comercialización do polbo

A prohibición de extracción da centola na costa lucense prolongarase ata as 00,00 horas do vindeiro 27 de novembro, tres semanas despois de que remate a que xa está vixente para as provincias da Coruña e Pontevedra

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2023

Mañá a partir das 05,00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2024, que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2023/2024. Mentres a veda da centola na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, comeza mañá, 3 de xullo, e prolongarase ata o vindeiro 27 de novembro.

O plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece esta planificación para a campaña 2023/2024, a partir do 3 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 35 quilos por barco e día, á que se suman 35 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilos por xornada.

No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilogramos por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por barco e xornada de traballo.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05,00 horas- e finalizará ás 16,00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.

En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a cabo Corrubedo os aparellos terán que levantarse e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro ao Con da Aguieira aquelas que estean colocadas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calamento sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde o Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitacións de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira ata cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano 2024 as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.

A maiores, a Consellería do Mar está a ultimar a modificación da orde pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na comunidade autónoma co obxectivo de permitir unha marxe de tolerancia de 50 gramos de peso -en relación co talle mínimo dun quilo- despois de realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque.

Veda da centola en Lugo

En canto á prohibición de extraer centola na provincia de Lugo, estará vixente desde as 00,00 horas de mañá ata as 00,00 horas do luns 27 de novembro. Mentres, nas provincias da Coruña e Pontevedra a veda da centola comezou xa o pasado 24 de xuño e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, día incluído.

Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura desta especie para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto.

A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/07/2023