A Xunta convoca as axudas para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario cun orzamento de 8,77 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural, coa que se prevé chegar a unhas 500 explotacións da comunidade

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir de mañá

Estas achegas derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola covid-19

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario. O orzamento previsto ascende a 8,77 millóns de euros, dos cales 2,2 millóns de euros correspóndense coa liña para a xestión de estercos e os outros 6,57 millóns de euros para a agricultura de precisión. A través desta nova convocatoria prevese acadar unhas 500 explotacións da comunidade.

Así, convocaranse en réxime de concorrencia competitiva e os posibles beneficiarios son, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. En calquera caso, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará desde mañá.

En canto aos investimentos subvencionables, no apartado de xestión de estercos financiaranse investimentos en sistemas de xestión de xurros e estercos nas explotacións gandeiras. O obxectivo é mellorar esta xestión, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental. En canto á agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. A implantación da agricultura de precisión necesita da dixitalización da actividade agraria, polo que ambos investimentos aparecen vinculados nesta axuda.

Neste senso, os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto.

Estas achegas están financiadas con Fondos Next Generation que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola covid-19.

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230630/AnuncioG0426-270623-0003_gl.html

Data de actualización: 30/06/2023