A Xunta entrega as Bandeiras Azuis obtidas polas praias e outros recursos de Ribadeo e Burela

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, celebrou os 10 distintivos destes municipios e instou “a seguir traballando entre todos no coidado do medio ambiente e por un turismo sostible”

Ribadeo (Lugo), 29 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia fixo entrega hoxe das Bandeiras Azuis que acreditan a calidade das praias, sendeiros e outros recursos medioambientais e turísticos de Ribadeo e Burela.

O acto tivo lugar na praia das Catedrais de Ribadeo, coa participación do delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o alcalde deste concello, Daniel Vega, e a alcaldesa de Burela, Carmela López.

O delegado territorial celebrou as 10 Bandeiras Azuis que suman os dous municipios e instou a que as Administracións “sigamos colaborando e traballando no coidado do medio ambiente e nunha oferta turística sostible, accesible e de calidade”.

No concello de Burela contan con este distintivo as praias da Marosa, O Portelo e Ril, así como a Ruta do Litoral, e son considerados Centros Azuis o Barco Museo Reina del Carmen e o Centro de educación medioambiental Gaia. Pola súa banda, Ribadeo lucirá a bandeira nas praias das Catedrais e Os Castros-Illas, na Ruta do faro de Illa Pancha ás Aceas e no Porto Deportivo.

Arias destacou que Galicia sigue sendo a comunidade española con máis sendeiros azuis, e consolida a súa posición entre as tres que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia e Andalucía.

A Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede este recoñecemento de carácter internacional en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Os actos centrais de entrega dos distintivos para os sendeiros e as praias galardoados en Galicia xa se celebraron, e estes días estase completando a entrega a aqueles municipios que non puideron recoller algún deles.

Adeac tamén recoñece o labor dos chamados Centros Azuis, aínda que non lucen bandeira como tal, en atención á súa vertente de educación medioambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023