Rueda anuncia que a Xunta convoca preto de 200 prazas de emprego público na administración galega

Destaca que se trata de “148 prazas de acceso libre e 47 de promoción interna” que se publicarán no DOG “nos vindeiros días”

Resalta que estas convocatorias incluirán 130 prazas na escala técnica de orientación laboral (A2); 20 de conductores; 16 para sistemas de información ou dez para letrados

Anuncia que o Goberno aprobou tamén o calendario coas datas dos segundos exercicios correspondentes aos procesos desenvolvidos en xuño e aos que se realizarán en xullo

“Todos serán entre o 20 de setembro e o 19 de novembro”, explica
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai “vai convocar 195 prazas de emprego público na Administración autonómica” que se publicarán nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia tal e como se desprende do informe presentado hoxe no Consello polo conselleiro de Facenda e Administración Pública sobre procesos selectivos.

En concreto, tal e como explicou Rueda, “a maioría das prazas, 148, serán de acceso libre e outras 47 de promoción interna”. As prazas se distribúen da seguinte maneira: 130 prazas na escala técnica de orientación laboral (A2); 20 na escala técnica de condución (C1); 16 prazas na escala de sistemas e tecnoloxía da información (A1); 10 na escala de letrados (A1); sete prazas na escala de inspección turística; seis na escala superior de orientación laboral (A1) e outras seis prazas na escala superior de estatísticos.

Publicación do calendario para os segundos exercicios

Por outra banda, Rueda adiantou que o Consello deu hoxe o visto e prace “as datas para o segundo exame de 28 procesos selectivos que están en marcha”. En concreto, dos que se desenvolveron ao longo de todo este mes, e tamén das oposicións que se realizarán no mes de xullo. “Todos eles celebraranse entre o 20 de setembro e o 19 de novembro”, indicou.

En canto aos realizados no mes de xuño, publícase a data do segundo exercicio para: enxeñaría industrial (A1 libre e estabilización); arqueólogos (A1); enxeñaría de minas (A1); escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas (A2); arquitectos (A1 libre e estabilización); escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de museos; arquitectos técnicos (A1 libre e estabilización); escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade museos (A2); química (A1 libre e estabilización); escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos; xestión de sistemas de informática (A2); facultativo de grao medio, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría técnica minas; escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade arquivos (A2); enxeñaría técnica industrial (A1 libre e estabilización); escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas (A1); enxeñaría técnica de obras públicas (A2); e escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas (promoción interna).

 

En canto aos procesos que se desenvolverán en xullo, fanse públicas as datas do segundo exercicio para o corpo superior A1; corpo xestión A2; corpo administrativo C1; corpo auxiliar C2; a escala técnica de finanzas (A2) e a escala técnica auxiliar de informática (C1).

Execución de procesos en xuño e xullo

A Xunta publicou o pasado mes de maio o calendario coas datas de exame (primeiro exercicio) para 94 oposicións para desenvolver entre xuño de 2023 e febreiro de 2024 co obxectivo de que os aspirantes poidan planificar a súa preparación, achegar maior seguridade aos opositores e facilitar unha resolución áxil dos procesos selectivos.

Ao longo do mes de xuño leváronse a cabo 24 procesos selectivos, nos cales participaron un total de 1.000 aspirantes para 218 prazas. A participación xirou en torno ao 50 % e os exames tiveron lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e na Facultade de Dereito da USC.

Por outra banda, esta fin de semana darán comezo no recinto feiral de Silleda os procesos con maior volume de aspirantes. É o caso do corpo superior A1 e o corpo auxiliar C2 (ambos os dous o 1 de xullo); o corpo de xestión A2 e o corpo administrativo C1 (2 de xullo); auxiliar de clínica e auxiliar coidador (8 de xullo) e a agrupación profesional de persoal subalterno (AP) o vindeiro 9 de xullo.

Tamén se realizarán en xullo na Facultade de Dereito os exames para a escala técnica de finanzas (A2) e para a escala técnica auxiliar de informática (C1).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023