O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo secretario xeral de Emigración asina un protocolo co ministro de Educación e Cultura

A Xunta acorda co Goberno do Uruguai que A Santa de Asorey se exhiba no Museo Zorrilla de Montevideo

O Goberno autonómico adquiriu esta valiosa peza, propiedade da Casa de Galicia en Montevideo, cidade onde seguirá exhibíndose

“Estreitamos aínda máis os lazos culturais e históricos de ambos pobos e culminamos con éxito un proceso froito de moitos meses de traballo nos que a Xunta estivo implicada desde o principio para conservar este patrimonio”, explica

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe co ministro de Educación e Cultura de Uruguai, Pablo da Silveira, o protocolo polo que a escultura de A Santa de Asorey -que pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo- quede no país e sexa exposto no prestixioso Museo Zorrilla da capital uruguaia.

Como explicou o titular de Cultura da Xunta, este acordo “estreita aínda máis os lazos culturais e históricos que unen a ambos pobos e culmina con éxito un proceso froito de moitos meses de traballo nos que a Xunta estivo directamente implicada tras o cese de actividade da Casa de Galicia en Montevideo”.

De feito, no proceso de compra dos bens da extinta Casa de Galicia, o Goberno autonómico estivo en contacto permanente co Goberno de Uruguai para conservar o patrimonio cultural que albergaba. Adquiriu boa parte dos bens, entre o que se inclúen obras artísticas que teñen relación coa Galicia do exilio, como A Santa de Asorey, pero tamén fondos documentais e bibliográficos, entre outros obxectos. De feito, o patrimonio documental integrado por libros de actas viaxou xa a Galicia e permanece custodiado no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, en proceso de dixitalización.

Peza simbólica

A Santa permanecerá en Montevideo para facilitar unha proxección da cultura e identidade galegas e da universalidade que define a ambas, como viña facendo desde a Casa de Galicia”, expresou Román Rodríguez. Así, ao abeiro deste acordo, a escultura integrarase a partir de agora na colección permanente do Museo Zorrilla de Montevideo, a que fora casa de veraneo do poeta José Luis Zorrilla de San Martín e a súa familia que agora depende da Dirección Nacional de Cultura do Ministerio de Educación e Cultura de Uruguai. Pola súa banda, a Xunta de Galicia, como propietaria da peza, facilitará os trámites previstos para a súa exhibición no museo e colaborará coa dirección en toda información que precisen para contextualizar a súa importancia.

A Santa do cambadés Francisco Asorey pertenceu á Casa de Galicia de Montevideo entre 1951 e 2021. Posteriormente, foi comprada pola Xunta de Galicia. Foi testemuña do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América e representa unha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023