Trenor participa no izado da bandeira azul no club náutico de Boiro que certifica a súa calidade nos servizos, accesibilidade e sustentabilidade

Na comarca do Barbanza o club náutico de Portosín e a praia de Coroso en Ribeira tamén contarán con este recoñecemento

Subliña que Galicia é a terceira comunidade con máis recoñecementos e que unha de cada cinco praias españolas conta con bandeira azul é galega

Reciben este galardón un total de 113 praias, 12 portos deportivos e 14 centros azuis

Boiro (A Coruña), 29 de xuño de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou no izado da bandeira azul no club náutico Boiro--Marina Cabo de Cruz que acredita que cumpren cuns criterios moi rigurosos de calidade. Un distintivo de carácter internacional co que a asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais, portos deportivos, centros e sendeiros de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Na comarca do Barbanza o club náutico de Portosín e a praia de Coroso en Ribeira tamén contarán con este recoñecemento

Trenor lembrou que en Galicia contamos con 139 bandeiras e distintivos azuis que acreditan o compromiso da comunidade coa conservación do patrimonio natural e consolídana como un referente do turismo seguro e sustentable. Trenor subliñou que Galicia “é a terceira comunidade con máis bandeiras azuis” e lembrou que “unha de cada cinco praias” con este distintivo en España é galega.

Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.

Trenor resaltou que conseguir e manter estes galardóns é un traballo conxunto “entre as administracións” e subliñou “a importancia” que teñen estes distintivos como reclamo turístico. “Nun mundo onde o turista sempre busca máis información á hora de elixir unha praia ou onde pasar as vacacións é moi importante contar con indicios fiables como son as bandeiras azuis”, indicou o delegado, quen lembrou que acadar esta distinción supón “un esforzo importante para cumprir cos criterios rigorosos do proceso, pero merece a os beneficios son importantes”.

O representante do Goberno autonómico salientou que este tipo de recoñecementos permiten consolidar  á nosa comunidade como un destino seguro e sostible. “Galicia está de moda e debemos traballar para isto se manteña no tempo”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2023