O conselleiro do Mar respondeu no Parlamento unha pregunta sobre a recollida de semente de mexillón nos bancos naturais

A Xunta salienta que as medidas adoptadas na última campaña de extracción de Mexilla permitiron atender as necesidades do sector bateeiro

A Consellería do Mar ten constancia de que a maioría das bateas conta co recurso necesario para garantir a súa produción
 

Alfonso Villares destaca que o Executivo galego vai seguir apostando polo diálogo para acadar o equilibrio entre os intereses dos sectores bateeiro e percebeiro
 

O titular de Mar subliña que se adoptaron distintas medidas nos últimos meses como retrasar o inicio da campaña, a apertura de novas zonas ou a ampliación do período de recollida para optimizar a explotación e que ningunha batea quedase sen recurso
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, respondeu hoxe unha pregunta no Parlamento galego na que destacou que as medidas adoptadas pola Xunta na última campaña de extracción de semente de mexillón (mexilla) nos bancos naturais facilitaron que o sector bateeiro puidese cubrir as súas necesidades de cría. De feito, a Consellería do Mar ten constancia de que, xa rematado o período de extracción, a maioría das bateas conta co recurso necesario para garantir a súa produción.

“O resultado mostra que non houbo tardanzas nin inmobilismos”, indicou Villares en resposta a unha pregunta sobre as medidas adoptadas polo Executivo galego neste eido. Nesta liña, defendeu que a Administración autonómica sempre apostou e vai seguir apostando polo diálogo co obxectivo de acadar un equilibrio entre os intereses dos sectores bateeiro e percebeiro.

O titular de Mar sinalou que, ademais da apertura de novas zonas de recolección durante a pasada campaña, a Xunta actuou constantemente con flexibilidade adoptando medidas como a ampliación do período de extracción aprobada nas últimas semanas para atender as necesidades do sector. De feito, esa prórroga fixouse co obxectivo de que ningunha batea quedase sen cría tras presentarse catro solicitudes xenéricas de ampliación da campaña e unicamente se xustificasen necesidades de mexilla para unha batea.

Alfonso Villares lembrou que estas medidas se engaden a outras moitas tomadas nos últimos meses para facilitar o acceso dos produtores de mexillón á semente e garantir a produción, como foi o retraso no inicio da campaña para optimizar a explotación e a súa ampliación nun período equivalente. “Estes pasos e a rapidez de actuación buscaban evitar tamén posibles tensións e conseguir que ambos sectores –bateeiro e percebeiro– poidan convivir cunha correcta explotación dos distintos recursos”, destacou o conselleiro.

Plan de xestión

O titular de Mar sinalou que estes resultados, froito do diálogo e a flexibilidade na adopción de medidas, mostran o camiño para deseñar un plan de xestión que, consensuado coas partes implicadas, regule a extracción de semente de mexillón nos bancos naturais e permita optimizar a recollida de cría das rochas.

De feito, a Xunta xa está a traballar nesta ferramenta para que dea resposta aos cambios rexistrados nos últimos anos e permita atender os do futuro. Entre os obxectivos está adecuar os tempos de recollida ao estado e localización do recurso, protexendo as zonas nas que a semente aínda non é apta para levar ás bateas e abrindo aquelas nas que o seu tamaño permite adiantar a recolección.

A normativa na que se incluirá ese plan de xestión tamén tratará de simplificar os trámites inherentes á actividade do sector bateeiro e avanzar na dixitalización de moitos dos procesos, o que contribuirá a mellorar a trazabilidade do recurso en beneficio de toda a cadea de produción, transformación e comercialización do mexillón. Unha fórmula que permitirá avanzar na cogobernanza co sector na explotación deste recurso mariño, ao igual que acontece con outras especies pesqueiras ou marisqueiras.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/06/2023