A Xunta confirma que as análises das mostras recollidas o luns determinan que os parámetros químicos e microbiolóxicos da auga de Betanzos son correctos para o consumo humano

O delegado da Xunta trasladou á alcaldesa o resultado das analíticas positivas

A dirección xeral de Saúde Pública ven de confirmar que as analíticas realizadas nos 8 puntos, tantos nos depósitos de cabeceira como na rede de traída da auga, son favorables e permiten para levantar a recomendación de restricións no consumo humano

A Xunta reforzará a vixilancia sanitaria e tomará novas mostras nos vindeiros días para verificar que os parámetros químicos e microbiolóxicos seguen sendo correctos

A Coruña, 28 de xuño de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, comunicou esta tarde, que as analíticas realizadas, este luns, nos 8 puntos, tanto nos depósitos de cabeceira como na rede de traída de augas municipal do Concello de Betanzos determinan que os parámetros químicos e microbiolóxicos son os correctos para o consumo humano o que permitirá levantar a recomendación de restricións realizada á alcaldesa tras detectarse a presenza de norovirus hai 29 días.

 

O delegado da Xunta informou, esta mesma tarde, en canto se recibiron os resultados á alcaldesa de Betanzos.

 

Tras os resultados favorables obtidos, a empresa xestora desenvolverá un plan de seguimento analítico reforzado. Así mesmo, a Consellería de Sanidade reforzará a vixilancia sanitaria do abastecemento para asegurar a calidade da auga e fará as analíticas de verificación que sexan necesarias.

O delegado manifestou a súa satisfacción pola confirmación destes resultados positivos na calidade de auga e adiantou que tanto Sanidade como Augas de Galicia seguirán realizando controis nos vindeiros días para confirmar esta tendencia positiva e protexer aos veciños de detectarse nova incidencia na ETAP, nos depósitos ou na rede de abastecemento municipal. Trenor sinalou que estes resultados volven a corroborar a efectividade da limpeza dos depósitos e da rede, así como da hipercloración da auga.

O representante de Goberno autonómico lembrou que, desde o comezo da crise no sistema de abastecemento municipal de Betanzos, a Xunta colaborou desde o minuto un co Concello levando a cabo 73 analíticas por parte do departamento de Sanidade, outras cerca de 40 por parte de Augas de Galicia e os representantes da Xunta realizaron 3 encontros presenciais coa alcaldesa de Betanzos.

Trenor lembrou que tanto a ETAP como a rede de distribución e de abastecemento de auga son responsabilidade do goberno local e recalcou que a finalidade da ETAP é garantir que a auga que se capta no río, que non é apta para o consumo, se converta en potable.

Neste sentido, Trenor recalcou que Augas de Galicia continúa esta semana coa recollida de mostras e analíticas no Mendo, o luns, mércores e venres en 3 puntos, polo que haberá 9 analíticas máis. Os resultados da semana pasada confirman as conclusións anteriores, pois non se detectaron valores de norovirus que apunten á auga do río como orixe do brote.

O delegado de Xunta recalcou que sendo unha competencia exclusivamente municipal, xa que é o Concello o responsable de tratar a auga e garantir a calidade do abastecemento á poboación, o Goberno galego actuou con total lealdade facendo recomendacións para intentar buscar unha solución á grave crise por contaminación na rede de abastecemento municipal. Concretamente, xa o 2 de xuño os técnicos de Sanidade apuntan a necesidade de levar a cabo unha limpeza profunda dos depósitos e da rede, algo que non se iniciou ata o 11 de xuño. Trenor recalcou que os datos negativos en norovirus que empezan a recollerse o pasado mércores coinciden coa remate dos traballos de limpeza nos depósitos e na rede municipal.

 

O representante do Goberno galego incidiu no esforzo realizado pola Xunta de Galicia que foi a administración que detecta o brote, a que constitúe un equipo de investigación e a que realiza as recomendacións sanitarias e pon en marcha un plan de análise. Os técnicos da Xunta tamén foron os que identificaron o norovirus e os que mantiveron informada e asesorada á alcaldesa con reunións de coordinación e seguimento da crise. Trenor tamén lembrou que e maiores foi o equipo autonómico o que recomendou os labores de limpeza e desinfección que son os que empezaron a producir os primeiros resultados positivos na calidade da auga.

O delegado da Xunta manifestou a súa confianza en que as análises dos vindeiros días manteñan esta tendencia positiva na calidade da auga para pechar este capítulo de contaminación da auga da traída municipal que chegou a afectar a máis de 800 veciños.

Data de actualización: 28/06/2023