A Xunta adaptará desde o luns 3 de xullo os horarios da liña de autobús entre Vigo, O Porriño e os polígonos da Granxa e das Gándaras para atraer máis usuarios

Estas modificacións supoñen unha variación de 15 minutos nas horas de saída e de chegada de 2 dos servizos de ida e de 3 de volta

Esta acomodación de horarios busca responder mellor ás necesidades dos usuarios, ao mellorar a compatibilidade horaria dos traballadores dos polígonos industriais

A nova liña de transporte público interurbano da Xunta, activa desde o pasado 5 de xuño, ampliou as alternativas de viaxe e optimizou os desprazamentos das persoas que traballan nos polígonos industriais
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adaptará a partir do vindeiro luns, día 3 de xullo, os horarios dalgúns servizos da nova liña de autobús da Xunta entre Vigo, O Porriño e os polígonos industriais da Granxa e das Gándaras co obxectivo de atraer máis usuarios.

Con esta acomodación dos horarios dáselle resposta á solicitude do Concello do Porriño e ás achegas recibidas dos usuarios, readaptando os horarios dos servizos desta liña, que parte da estación intermodal de Vigo cara ao Porriño.

En concreto, as modificacións, que se aplicarán a partir do 3 de xullo, suporán variacións de 15 minutos nas horas de saída e de chegada de 5 dos 8 servizos da liña que conecta Vigo cos polígonos industriais da Granxa e as Gándaras, 2 de ida e 3 de volta.

Por unha banda, adiantarase 15 minutos a saída prevista de 2 expedicións de ida, desde a estación intermodal de Vigo: a das 13,00 horas e a das 21,00 horas, que desde o luns sairán ás 12,45 e as 20,45 horas, respectivamente.

Por outra, atrasarase a saída prevista de 3 expedicións de volta desde O Porriño: os servizos das 06,00 horas, das 14,00 horas e das 22,00 horas pasarán a saír ás 06,15 horas, ás 14,15 horas e ás 22,15 horas, respectivamente.

Esta nova liña do transporte público inteurbano da Xunta, activa desde o pasado 5 de xuño, ampliou as alternativas de viaxe dos usuarios e optimizou os desprazamentos das persoas que traballan nos polígonos industriais.

O obxectivo da Xunta é que os usuarios dispoñan dunha alternativa de viaxe cunha cobertura de servizos desde primeira hora da mañá ata o remate do día para o sentido de ida e de volta, facilitando así a compatibilidade horaria.

O traxecto, que se realiza en menos dunha hora, garante a puntualidade nos centros de traballo e axiliza as chegadas do persoal aos seus fogares ao termo da xornada laboral.

O itinerario comprende nove paradas, das cales seis, nos polígonos industriais, son de nova creación. Deste modo, a relación de puntos de paso inclúe dous en Vigo e sete no Porriño, por esta orde: Vigo estación intermodal, Vigo (praza de España), O Porriño (avenida de Galicia), O Porriño (Imprenta Paz), O Porriño (Vip Galicia), O Porriño (CTAG), O Porriño (GESTAMP), O Porriño (CEAMSA), O Porriño (Cableria Auto).

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 28/06/2023