A Xunta licita por máis de 320.000 € a rehabilitación das cubertas do Antigo Hospital de San Roque en Santiago

A actuación conta cun prazo de execución de nove meses para resolver os problemas de estanquidade derivados do mal estado da cuberta

Santiago de Compostela, 28 de xuño do 2023

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación a rehabilitación das cubertas do Antigo Hospital de San Roque, en Santiago de Compostela, cun investimento de máis de 320.000 €.

O obxectivo da actuación é resolver patoloxías derivadas do estado da cuberta. Así, solucionaranse os problemas de estanquidade provocados polo mal estado dos elementos de suxeición das tellas, pola rotura de placas de fibrocemento e polo deterioro ou ausencia de impermeabilización nalgunhas zonas. Ademais, tamén se repararán os elementos de pedra asociados á cuberta que están en mal estado.

Para iso, o proxecto inclúe, entre outras actuacións como a substitución da cuberta por unha nova de tella sobre fibrocemento. Os traballos complétanse coa reparación dos elementos de pedra asociados a esta parte da estrutura.

Esta intervención dá continuidade á realizada no ano 2021 para reparar e restaurar a fachada do antigo Hospital de San Roque con preto de 200.000 €. Nesa ocasión as obras centráronse en solucionar os problemas de humidade, resolver as deficiencias nos elementos de evacuación das augas pluviais e instalar novos elementos como canais e baixantes de cobre.

O antigo Hospital de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Instituto Padre Sarmiento, do Centro Ramón Piñeiro e da Academia de Farmacia de Galicia, ten a consideración de ben catalogado ao estar incluído no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. A súa traza foi deseñada polo mestre de obra da Igrexa Maior de Santiago, Gaspar de Arce, e as obras déronse por rematadas no ano 1585. No Pazo se realizan actividades culturais de moi diversa natureza que o converten nun centro de acción cultural de referencia da Xunta no casco histórico de Santiago de Compostela.

Data de actualización: 28/06/2023