Intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto de entrega das Medallas Castelao 2023

Santiago de Compostela, 28 de xuño 2023 Moitas grazas aos cinco premiados e premiadas por aceptar esta inmensa honra. Para o Goberno galego foi un honor nada sinxelo discernir entre os moitos merecentes destas medallas, e coido que acertamos plenamente.

Como sucede tantas veces na nosa terra, plena de pasado, presente e futuro, o 28 de xuño é unha data na que se dan a man a historia e o momento actual de Galicia.
 
Celebramos o plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía, que marcou un fito fundamental na longa loita a prol do noso autogoberno.
 
Tamén foi un 28 de xuño, xa nunha España democrática e nunha Galicia dotada de autonomía, cando os restos de Alfonso Rodríguez Castelao foron repatriados para quedar con nós sempre en Galicia.
 
Ademais do seu significado histórico, estes dous feitos pasan a formar parte do patrimonio común dos galegos. É un pasado que non nos enfronta; senón que nos une. É unha memoria que, lonxe de avivar disputas, incrementa un orgullo  que ten que ser necesariamente compartido.
 
Aquel Estatuto pioneiro sérvenos para lembrar que o logro pleno da autonomía é unha longa peregrinación, con etapas que foron doces pero tamén con etapas que foron certamente amargas, na que participaron moitas xeracións de galegos de toda condición e convicción. Todos eles viron no autogoberno un fogar que protexe, un fogar que acolle e un fogar que estimula. E a Galicia do 2023 dálles a razón.
 
Alfonso Rodríguez Castelao non pode ser a referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta, ten que acadar, acadou e o vai manter sempre, a categoría de heroe cívico de toda unha comunidade e, polo tanto, é algo que fortalece a unidade.
 
A fe de Castelao en todo o pobo galego é correspondida coa presenza constante do noso artista, intelectual e político como símbolo común desa Galicia sempre agradecida aos seus devanceiros.
 
O espírito que animou o Estatuto de 1936 e as conviccións galeguistas de Castelao están hoxe aquí máis presentes ca nunca. Inspiran todas as palabras ditas e inspiran tamén a traxectoria dos galardoados e galardoadas, desta edición, de todas as anteriores e de todas que quedan por vir.
 
Ese camiño común chamado Galicia que entón foi unha aspiración, un desexo, un horizonte, existe e construímolo entre todas e todos. Ese camiño discorre nos nosos días en medio de problemas e incertezas que, en realidade, nunca estiveron ausentes do acontecer histórico, independentemente da época en que nos situemos.
 
Non podemos elixir o mundo no que Galicia se desenvolve. Pero si está nas nosas man propoñer respostas axeitadas para os desafíos que enfrontemos. A autonomía é símbolo de dereitos, pero tamén de deberes e responsabilidades. Danos capacidade para ser moito máis protagonistas do noso destino, e a cambio obríganos a non esquivar, senón afrontar e solucionar, os retos que a realidade nos pon por diante.
 
Galicia é unha democracia madura. E o pobo galego é un pobo maduro. Galicia e o seu pobo saben que unha comunidade, unha economía, unha sociedade se fan solucionando problemas e aproveitando oportunidades.
 
Como todos os anos, esta celebración serve para decatarnos de que ese pobo xenérico componse de persoas concretas -de moitas e variadas persoas concretas- que teñen nomes, apelidos, biografías e sentimentos e formas de enfocar a realidade moitas veces distintas. Con cada edición das Medallas Castelao evidénciase que o gran segredo de Galicia é a xente; a xente que permanece unida no esencial, a pesar das diferenzas evidentes que poida haber entre nós.
 
O noso desenvolvemento de Galicia non ten outra explicación que a laboriosidade e o emprendemento da xente. O florecemento cultural nace da creatividade do galegos. E o nivel que acadan os servizos públicos galegos, son consecuencia do esforzo de profesionais, traballadores e xestores; en suma, de toda a xente.
 
Existe un novo Rexurdimento que xa non afecta só á literatura, senón que abrangue todos os aspectos; todos os da actividade cotiá, os da actividade dos que aquí vivimos. Galicia vive un Rexurdimento da xente, coa xente e grazas á xente.
 
Un Rexurdimento patente nas palabras que escribe Ledicia Costas, coas que proxecta a nosa literatura galega, aquí en Galicia, e tamén a lectores doutras moitas linguas e culturas. Dela dixo algún xurado que posúe un “humor arrepiante”. Ten esta escritora nosa, premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, un nome que parece predestinala con moita eficacia a facer felices os seus seguidores.
 
Estou seguro de que se Eduardo Pondal e Pascual Veiga puideran manifestarse hoxe de novo, estarían de acordo en que Galicia ten un himno oficioso. Foi pensado e cantado moitas veces por Siniestro Total. Titúlase Miña terra galega, e con acordes que versionan o Sweet home Alabama é todo un resumo, en primeiro lugar, da movida galega, pero tamén un xenuíno produto galego de Galicia calidade, que recolle elementos culturais de moitos sitios para facer identidade propia; exactamente o que é Galicia. O resultado é unha “Galicia total” no eido musical, que é o que representa en gran parte Siniestro Total.
 
Susana Rodríguez Gacio atesoura medallas reais e simbólicas. Unhas gañounas como triatleta nas pistas, e outras recíbeas todos os días de pacientes agradecidos polo seu esforzo e afán de superación. Houbo para ela olimpíadas e campionatos, e tamén loitas nas que se enfrontou a adversarios moi perigosos, xa que foi unha loitadora máis -como todos os profesionais sanitarios- durante a pandemia. Grazas á revista Time, converteu a unha galega loitadora no símbolo de moitas persoas loitadoras que superaron dificultades por todo o mundo. Nela vemos un exemplo da Galicia que nunca se rende.
 
Lino de Prado resume esa biografía humana e empresarial de tantos galegos que saíron fóra a trunfar e nunca se esqueceron da súa terra. Isto é algo que nos distingue aos galegos. Poderíamos definir a súa intelixencia como nada artificial e moi natural, que sae do instinto humano, de superación, de supervivencia; sempre mirando cara a diante.
 
Sabemos captar culturas, maneiras de pensar, estilos de vida diferentes, sabemos facelos nós, sen esquecer nunca de onde vimos e o que somos. Niso reside unha das claves do éxito de emprendedores como Lino de Prado e como tantos outros que foron polo mundo adiante, a México, a Latinoamérica e a tantos países da Galicia exterior.
 
Falabamos antes de que a historia de Galicia é a historia de moitos éxitos protagonizados por xente concreta que é protagonista directa o noso rexurdimento en diferentes campos e actividades. Un caso do que nos podemos sentir especialmente orgullosos por todo o que representa de loita e de dureza é o caso da sanidade pública, da investigación médica, e do oncólogo que hoxe premiamos.
 
É un premio primeiro a súa traxectoria persoal que é moi meritoria, e a toda esa xente que loita todos os días por darlle esperanza a tantas persoas e tantas familias. Á figura do oncólogo Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, debémoslle moitos dos avances producidos nos últimos tempos. Sen esquecer nunca o factor humano e persoal na relación cos doentes. Posúe ademais a virtude de combinar sabedoría clínica, con humanidade e con pedagoxía, tan necesaria nestas situacións. Sabe transmitir e facer que os profanos nos sintamos implicados en todo o que fan e converten estas situacións tan duras en un pouco máis comprensibles e esperanzadoras.
 
Por tanto, poderiamos dicir destes cinco premiados e premiadas -xunto cos anteriores e os que estean por vir- que son galegos e galegas que marcan un compás que sempre mira cara ao Norte, cara arriba, a onde debemos mirar sempre. Teñen historias de persoas teimosas e con talento, que saben o que teñen entre mans e que están moi orgullosas do que fan e de que todos nos poidamos beneficiar, dun xeito ou outro, da súa actividade. Viven e traballan nunha comunidade propicia para éxitos persoais que acaban converténdose en éxitos colectivos. Somos unha terra propicia para todo iso, pola nosa tolerancia que nunca debemos perder; pola nosa capacidade de apertura a outras terras, culturas e maneiras de ver as cousas; e sobre todo, polo noso desexo de estar presentes no mundo, compartindo moitas cousas, pero cunha entidade propia da que nos sentimos orgullosos.
 
Galicia ten nestes cinco premiados e premiadas moitos motivos para estar orgullosos e para dicir que seguimos estando de moda. Galicia está de moda, en todos os bos sentidos que significan estas palabras, grazas a moitos galegos e galegas dos que estas cinco persoas son perfectos exemplos.
 
Moitas grazas por aceptar esta honra en nome de todo o pobo galego e a seguir traballando e facendo as cousas igual de ben como de agora e, se pode ser, un pouco mellor.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023