O programa EduReferentes pecha o curso coa participación de máis de 1.000 alumnos

A directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández, destaca esta acción a prol da igualdade de oportunidades e a superación dos estereotipos de xénero

A iniciativa, froito da colaboración entre a Consellería de Educación e a asociación Executivas de Galicia, naceu como proxecto piloto en 2019

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

O programa EduReferentes, unha iniciativa desenvolvida pola Xunta de Galicia en colaboración coa asociación Executivas de Galicia, pecha o curso escolar coa participación de máis de 1.000 estudantes nas distintas actividades programadas entre obradoiros e mentorías.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na clausura desta acción que ten como finalidade achegar ás aulas testemuños de mulleres galegas referentes que destacan pola súa traxectoria profesional de éxito. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, xunto á directora de Executivas de Galicia, Carla Reyes, subliñou a importancia de iniciativas coma esta para promover a igualdade de oportunidades e favorecer que as nenas elixan o seu itinerario académico baseándose na súa vocación e non nos estereotipos de xénero.

Este curso participaron nas distintas actividades -principalmente obradoiros e sesións de mentoría- un total de 1.043 alumnos e alumnas dos 20 centros educativos neste curso adheridos a este programa que naceu como proxecto piloto en 2019.

Charlas e obradoiros

O programa vai dirixido ao alumnado de ESO e FP Básica de centros públicos. Nos centros adheridos desenvólvense charlas de 50 minutos nas que dúas profesionais referentes galegas de diferentes sectores achegan ao alumnado aos seus ámbitos profesionais. Nestas sesións trabállanse co alumnado os mitos sobre os diversos perfís profesionais desde unha perspectiva de xénero.

Como novidade, este ano incluíronse obradoiros educativos sobre softSkills (cualidades relacionadas coa escoita activa, o trabajo en equipo, a creatividade...), tamén de 50 minutos de duración e para grupos de 25 alumnos. A metodoloxía tivo como base a educación emocional con perspectiva de xénero do alumnado.

O programa de actividades completouse, como é habitual, coas mentorías individualizadas, para as que os centros participantes fan unha selección de cinco estudantes que son acompañados por profesionais referentes no seu ámbito. As mentoras comparten a súa experiencia e coñecementos, apoiando aos participantes na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses ao longo dun máximo de cinco sesións individualizadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023