O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, abordou as medidas adoptadas polo Goberno galego para as familias de especial consideración

A Xunta traslada ao Observatorio da Familia e Infancia a boa acollida da simplificación do certificado das familias numerosas e monoparentais

O título de familia numerosa prorrógase ata que o fillo maior cumpra 26 anos, polo que xa non é necesario renovalo anualmente a partir de que este teña 21

No caso das monoparentais amplíase a dous anos a vixencia do certificado

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe a boa acollida que están a ter as medidas adoptadas pola Xunta para axilizar a tramitación e expedición dos títulos de familia numerosa así como dos certificados de familia monoparental. Fíxoo no pleno do Observatorio Galego de Familia e Infancia, órgano colexiado que asesora, estuda e propón actuacións nesta materia, e no que están representados as distintas administracións, os ámbitos xudicial, sindical e empresarial e entidades.

 

Jacobo Rey sinalou que o obxectivo de simplificar estes trámites é facilitar tanto ás familias numerosas como ás monoparentais o acceso e mantemento dos beneficios que lles corresponden en canto que son familias de especial consideración. Así, lembrou que o título de familia numerosa xa se expide en Galicia cunha vixencia que chega ata a data na que o maior dos fillos cumpra os 26 anos. Isto permite que as familias que contan con fillos maiores de 21 anos xa non teñan que renovar anualmente o seu título.

 

No caso das familias monoparentais, tampouco teñen xa que renovar o seu certificado anualmente, senón que se establece unha vixencia de dous anos desde a data de solicitude para aquelas presentadas desde o pasado mes de abril. Ademais, fíxase a prórroga automática de dous anos de todos os certificados de familia monoparental cuxa caducidade se produza entre o pasado 1 de abril e o 31 de decembro deste ano.

 

O director xeral destacou que con estas medidas, que xa está a aplicar o Executivo autonómico, afórranse trámites administrativos ás familias e evítanse posibles demoras na renovación dos títulos e certificados, co conseguinte prexuízo que isto pode ocasionar no acceso ás vantaxes e beneficios que leva aparellado ser familia numerosa ou monoparental.

 

No pleno do Observatorio abordáronse outras cuestións, relacionadas co acollemento familiar, datos estatísticos en materia de familia e infancia ou a recente constitución do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023