O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou hoxe en Bergondo un seminario temático sobre o cultivo da mazá de mesa e de sidra

A Xunta destaca o auxe da produción de sidra en Galicia nos últimos anos, apostando pola mazá natural e ecolóxica

Este seminario está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e inclúe faladoiros e mesas redondas, así como conferencias impartidas por expertos sobre este tipo de producións no norte de Portugal e Galicia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Consellería do Medio Rural, conta cun Banco de xermoplasma de maceiras para traballar na conservación e identificación desta árbore e do seu froito

Bergondo (A Coruña), 28 de xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá nas dependencias do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo (Bergondo) un seminario temático sobre o cultivo e a importancia da mazá de mesa e sidra en Galicia. Alí destacou o auxe nos últimos anos da produción de sidra en Galicia, especialmente no concello pontevedrés da Estrada, e que cada vez son máis os agricultores que apostan pola mazá natural e ecolóxica como forma de diversificar os aproveitamentos no agro.

De feito, o director indicou que nos últimos anos produciuse unha repunta importante de plantacións regulares de mazá de sidra, así como unha demanda cada vez maior cara a transformala en Galicia, apostando pola sidra como alternativa económica no agro que permite dinamizar a economía local, coa conseguinte creación de riqueza e emprego, e favorecendo tamén á fixación da poboación.

Así, este seminario técnico alternará faladoiros e mesas redondas sobre a mazá de sidra e de mesa e a súa situación actual para comprender os seus modelos de cultivo. Tamén haberá conferencias impartidas por expertos sobre a produción de mazá de mesa no norte de Portugal e Galicia, así como unha visita ao campo de conservación das castes de mazá de cultivo tradicional do Banco de xermoplasma de Mabegondo. Así mesmo, o seminario finalizará mañá cunha visita á Finca do Pazo de Des, especializada no cultivo desta froita en Lalín.

Por último, cabe salientar que no propio Banco de xermoplasma de maceiras do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, vénse traballando na conservación e identificación das castes autóctonas desta árbore e do seu froito, co obxectivo de lograr extraer características de interese comercial para unha produción de mazá de mesa en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2023