A Xunta convoca por terceiro ano as axudas para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero en entidades sen ánimo de lucro

O programa de apoios publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia e poderanse solicitar desde mañá até o vindeiro 28 de xullo

Esta convocatoria incrementa o seu orzamento en 50.000 euros e conta co apoio económico da Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballa para garantir a independencia económica das mulleres vítimas de violencia de xénero e para que avancen no camiño da súa recuperación

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, por terceiro ano consecutivo, do programa de axudas destinado a garantir a independencia económica e laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero para que poidan avanzar no seu proceso de recuperación. Entidades e cooperativas sen ánimo de lucro poderán beneficiarse destas achegas para contratar mulleres que sofren ou sufriran violencia de xénero.

O prazo para solicitar os apoios permanecerá vixente desde mañá até o vindeiro 28 de xullo.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca esta liña de incentivos cun investimento total de 600.000 euros, 50.000 máis que na pasada convocatoria. Nesta ocasión conta, ademais, co financiamento conxunto do Fondo Social Europeo do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. A Xunta trata con esta iniciativa de garantir que as mulleres afectadas pola violencia de xénero, incluídas aquelas que padeceran violencia vicaria e vítimas de trata, poidan acadar unha maior estabilidade persoal, social e laboral.

Para lograr este obxectivo, as axudas a entidades e cooperativas sen ánimo de lucro van desde os 1.381 aos 2.763 euros mensuais pola contratación de cada muller a tempo completo, en función dos grupos de cotización.

Nesta convocatoria, a duración dos contratos debe chegar a un mínimo de seis meses cunha xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial, nunca por debaixo do 50%. A Xunta inclúe tamén como requisito que as entidades beneficiarias promovan a formación e a práctica profesional das mulleres beneficiarias quen deberán traballar en centros localizados en Galicia.

As vítimas, destinatarias finais das axudas, deberán estar inscritas como demandantes ou como solicitantes de mellora de emprego no Servizo Público Galego de Emprego.

A iniciativa, que promove a Administración autonómica por terceiro ano consecutivo, constitúe un recurso de apoio social a mulleres vítimas de violencia de xénero na liña de incentivos que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade, que ven complementar á destinada aos concellos cada ano para a incorporación destas mulleres ao mundo laboral e que no caso das entidades locais conta este 2023 cun orzamento superior aos 2 millóns de euros.

Data de actualización: 28/06/2023