O presidente da Xunta participou no acto de inauguración do hotel Villa México en Nogueira de Ramuín (Ourense)

Rueda destaca a profesionalidade do sector hostaleiro galego como peza fundamental no éxito turístico de Galicia

Resalta os apoios da Xunta ao modelo de turismo “acolledor, de natureza e sen masificacións” con medidas como os convenios de colaboración co Xeodestino, o Plan de Sustentabilidade Turística na Ribeira Sacra e o apoio á candidatura da zona como Patrimonio da Humanidade

Nogueira de Ramuín (Ourense), 27 de xuño de 2023 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou este martes a profesionalidade, a calidade e o emprendemento do sector hostaleiro galego como peza fundamental no éxito turístico da Comunidade. Destacou que grazas a ese esforzo conxunto, Galicia está de moda, como demostra que xa se superan os datos do mesmo período do ano anterior.

No acto de inauguración do hotel Villa de México en Nogueira de Ramuín (Ourense), o xefe do Executivo autonómico salientou que a nosa Comunidade non é só praias e Camiño de Santiago, senón que nun só destino están todos os destinos posibles. Asegurou que os canóns do Sil, o termalismo ou a enogastronomía son bazas que teñen contribuído a rexistrar cifras de récord, como os 6,5 millóns de viaxeiros e os 12 millóns de pernoctacións do ano pasado.

Rueda, ademais, puxo en valor o apoio que o Goberno galego dá ao modelo de turismo acolledor, de natureza, e sen masificacións, a través de convenios de colaboración co Xeodestino, cos Plans de Sustentabilidade Turística na Ribeira Sacra ou o apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Finalmente, o presidente galego aplaudiu a aposta da familia Domínguez para abrir o hotel, que simboliza a historia de moitos galegos que emigraron pero nunca esqueceron as súas orixes. “Grazas por demostrar que no rural hai moita vida e moitas oportunidades”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023