A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe no acto de clausura do proxecto europeo Aqualitrans II na cidade do Porto

A Xunta avoga por profundizar no proxecto europeo Aqualitrans para acadar sistemas de tratamento nas depuradoras máis sostibles e eficientes

Teresa Gutiérrez salienta a importancia dos proxectos para mellorar a eficiencia das depuradoras para avanzar cara á neutralidade enerxética

Aqualitrans é un programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal que busca mellorar a xestión e promover o uso eficiente da enerxía na depuración de augas residuais coa dixitalización ou a implantación de modelos innovadores

Ao abeiro desta iniciativa, están a impulsarse solucións de autoconsumo fotovoltaico nas depuradoras de Gondomar, Tomiño, Vilaboa, Nigrán, Ortigueira e Alfoz, en Galicia; ou na de Freixo, en Portugal

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023 A Xunta avoga por seguir traballando no marco do proxecto europeo Aqualitrans co fin de acadar depuradoras con sistemas de tratamento das augas residuais máis sostibles e eficientes.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe na xornada de clausura sobre o proxecto europeo Aqualitrans II, sistema de xestión e control para a mellora da eficiencia, sustentabilidade e eficiencia enerxética no funcionamento das depuradoras, que tivo lugar na cidade do Porto.

Os socios deste proxecto compartiron hoxe os resultados acadados mediante as actuacións impulsadas tanto en Galicia como en Portugal.

Teresa Gutiérrez salientou a importancia dos proxectos para mellorar a eficiencia enerxética das depuradoras e avanzar cara á neutralidade enerxética.

Subliñou a necesidade de traballar para afondar nun modelo de xestión das depuradoras de augas residuais máis rendible enerxeticamente e sostible a nivel ambiental e económico.

Este programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivos mellorar a xestión e promover o uso eficiente da enerxía na depuración de augas residuais mediante a dixitalización ou a implantación de modelos innovadores.

Augas de Galicia participa no proxecto Aqualitrans II, un programa no que tamén colabora o INEGA e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, así como Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).

Resultados do programa

No encontro de hoxe, os asistentes avaliaron os resultados do programa, que entre outras accións, permitiu desenvolver unha ferramenta online para a análise de viabilidade de instalacións de autoconsumo nas depuradoras. Así, esta iniciativa permite estudar as opcións de autoconsumo, tendo en conta características como a situación, a orientación ou a superficie dispoñible.

Na xuntanza tamén se abordaron as instalacións solares fotovoltaicas que se impulsan como proxectos piloto nas depuradoras de Gondomar, Tomiño, Vilaboa, Nigrán, Ortigueira ou Alfoz, no caso de Galicia; e en Freixo, en Portugal.

O citado programa tamén posibilitou deseñar solucións de dixitalización de enerxía e auga para a integración nunha Plataforma de Xestión Avanzada ou fixar patróns de demanda enerxética relacionada coas operacións das depuradoras.

Aqualitrans II é unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa INTERREG V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) e supón a continuación do proxecto Aqualitrans, iniciado en 2017 co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética no proceso de depuración de augas residuais. O programa Aqualitrans II permitiu dar un paso máis nesta aposta por un novo modelo nas depuradoras, máis eficiente e sustentable.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023