O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, clausurou a X Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca

Galicia reivindica políticas pesqueiras europeas que aposten polo rigor científico e pola súa implantación gradual para protexer a frota

O titular de Mar lamentou o marcado cariz medioambientalista que está a tomar a Comisión Europea e apelou á necesidade de evitar que se repitan medidas arbitrarias como o veto á pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias

O Executivo galego rexeita a aplicación abrupta de plans de descarbonización da frota nun momento no que non existen combustibles alternativos aos de orixe fósil e sen poñer a disposición do sector recursos adicionais para adaptarse a eses cambios

Alfonso Villares pediu que todas as decisións que se adopten no seo da Comisión Europea conten con informes biolóxicos e socioeconómicos exhaustivos, sexan froito dun intenso diálogo coas partes implicadas, habiliten fondos para poñelas en práctica e establezan un marco temporal flexible para que ninguén quede polo camiño

Vigo, 27 de xuño de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou hoxe a necesidade de que as políticas pesqueiras emanadas de Bruxelas conten co maior rigor científico posible e aposten por unha implantación gradual para facilitar a adaptación da frota e evitar que se produzan tanto baixas de buques como a perda de empregos que adoitan levar aparellada.

O titular de Mar salientou durante a clausura da X Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca que o cariz medioambientalista que está a tomar a Comisión Europea nos últimos tempos é inaceptable e que non poden repetirse casos como o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias, que se aprobou sen informes científicos serios nin socioeconómicos sobre o impacto da súa aplicación.

O representante do Executivo galego lembrou que a frota galega sempre realizou unha pesca respectuosa co medio ambiente e que unha das súas prioridades é a protección dos recursos, pois é consciente de que o seu estado biolóxico é clave para garantir a actividade no futuro.

Non obstante, lamentou, o sector atópase nos últimos tempos con numerosos atrancos procedentes de Bruxelas como os plans para eliminar a pesca de arrastre nas zonas protexidas ou os plans de descarbonización da frota, que se pretenden poñer en marcha de forma abrupta sen contar con combustibles alternativos aos de orixe fósil e sen poñer a disposición do sector fondos adicionais para adaptarse a eses cambios.

Por iso, o conselleiro do Mar apelou á necesidade de que todas as decisións que se adopten no seo de Bruxelas conten con informes biolóxicos e socioeconómicos exhaustivos, sexan froito dun intenso diálogo coas partes implicadas, habiliten fondos para poñelas en práctica e establezan un marco temporal flexible para que ninguén quede polo camiño.  

Alfonso Villares puxo como exemplo a transición ecolóxica, unha cuestión que Galicia apoia, pero na que defende a necesidade de que se aborde con planificación. Neste sentido, lembrou que os investimentos dos armadores para a construción de novos buques son importantes e que aínda non hai combustibles alternativos aos de orixe fósil, polo que a transición enerxética non pode ser real se non se poñen a disposición do sector os fondos necesarios para avanzar na investigación e na transformación neste eido.  

Ademais, incidiu, é preciso investir tamén en mellores embarcacións para impulsar a remuda xeracional, un dos principais retos aos que se enfronta a Política Pesqueira Común (PPC) actual e ao que non consegue dar resposta. De feito, o titular de Mar reiterou que Galicia lamenta que Bruxelas descarte revisar a súa política pesqueira malia que non dá resposta a moitos desafíos futuros da actividade coma este.

O evento

A Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca, que vai xa pola súa décima edición, celebrouse entre onte e hoxe en Vigo baixo o título A estratexia de biodiversidade e a descarbonización da frota pesqueira da UE. A xornada de onte contou coa participación de representantes do sector e institucionais para abordar A estratexia de biodiversidade comunitaria: incidencia na futura soberanía alimentaria da pesca e a de hoxe tivo como título A descarbonización do sector pesqueiro: Que estratexia de transición enerxética é posible para a pesca comunitaria?

O conselleiro do Mar agradeceu á Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) o seu constante labor de análise e debate dos retos do sector pesqueiro galego e puxo en valor o papel destas conferencias internacionais tanto para buscar solucións como por ser un punto de encontro no que poñer en común as distintas visións do sector. Por iso, desexou que despois destas 10 edicións cheguen moitas máis pois sería un síntoma de boa saúde da frota pesqueira galega.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/06/2023