O delegado da Xunta en Pontevedra anima ás asociacións a solicitar a cesión de locais sociais no edificio administrativo de Benito Corbal

Agustín Reguera lembrou que o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro luns 3 de xullo e que o Goberno galego ofrece gratuítamente ata 26 espazos neste céntrico enclave da cidade para actividades sociais, culturais, deportivas, sociais ou sanitarias

A Xunta, que recibiu ata a data once peticións, vén de emprender este novo proceso tras a caducidade da adxudicación por catro anos realizada en 2019 e convida aos colectivos a facerse co uso de locais de entre 20 e 40 metros cadrados

Pontevedra, 27 de xuño de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, realizou esta mañá unha visita ao edificio administrativo de Benito Corbal, na cidade de Pontevedra, para coñecer o funcionamento e usos destas instalacións do Goberno galego e aproveitou para animar ás asociacións e ás entidades sen ánimo de lucro de Pontevedra e a súa bisbarra a solicitar a cesión de locais sociais neste céntrico inmoble aproveitando que está aberto un novo período para a concesión destes espazos.

O representante autonómico lembrou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes abriu o prazo de peticións destas instalacións a comezos do presente mes e o mesmo xa está na súa fase final, posto que quedará pechado o vindeiro luns 3 de xullo, inclusive.

“É unha oportunidade única de que os colectivos dispoñan gratuítamente dunhas instalacións magníficas e este é o momento, xa que non volverá a abrirse o proceso ata dentro de catro anos, así que queremos convidar a todas as asociacións a presentar a súa solicitude e o seu proxecto de uso e agardamos poder dar acollida a todas as que estean interesadas”, sinalou Agustín Reguera, que revelou que ata a data recibíronse un total de once peticións.

Convocatoria

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 1 de xuño as bases reguladoras e a convocatoria pública en réxime de concorrencia para a ocupación temporal, para usos sociais, culturais, deportivos ou sanitarios, dos locais destinados a este fin no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Con esta orde autorizouse a ocupación de 26 locais -22 deles tipo A cunha superficie de entre 20 e 27 metros cadrados e outros catro tipo B duns 40 metros cadrados- diáfanos e independentes nos andares terceiro e cuarto do inmoble.

En 2019 publicárase unha orde similar que se resolveu coa adxudicación a 28 asociacións de Pontevedra e bisbarra do uso dos locais das plantas terceira e cuarta deste edificio por un prazo de catro anos improrrogables.

Nesta ocasión, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro deberán presentar as súas solicitudes de xeito individual, aínda que poden optar polo uso compartido mediante agrupación. O número máximo de locais adxudicados será un por solicitante dun dos dous tipos e entregaranse con instalacións de climatización, alumeado e tomas de corrente.

As entidades interesadas en formalizar a súa petición teñen que estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente. Deben ter domicilio social no Concello de Pontevedra ou nos municipios limítrofes e da bisbarra e, se non é así, acreditar que a meirande parte da súa actividade se desenvolve nestas zonas. Ademais, só poderán ser beneficiarias organizacións sen ánimo de lucro cuxos fins sexan de interese social, cultural, deportivo, sanitario ou outros de relevancia social.

As solicitudes presentaranse de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

Inmoble rehabilitado

A rehabilitación do edificio administrativo da Xunta situado en Benito Corbal permitiu poñer a disposición da cidadanía unha superficie de case 6.000 metros cadrados. As tres primeiras plantas -baixa, primeira e segunda- reserváronse ás oficinas de emprego; as dúas seguintes -terceira e cuarta- a locais para entidades e asociacións de interese social, cultural e sanitario; as tres seguintes -quinta, sexta e sétima-, están orientadas á Universidade de Vigo; mentres que a oitava e última son para unha cesión a prol da Fundación Manuel Moldes. Ademais, habilitáronse outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa ten acollido varios eventos.

A Xunta recuperou así para os pontevedreses un edificio no centro da cidade, un espazo moderno e versátil que é, ademais, eficiente enerxeticamente, en tanto que emprega tecnoloxías como caldeiras de biomasa para calefacción, bombas de calor aire-auga ou unha instalación solar fotovoltaica para a xeración de electricidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023