O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, recolleu hoxe a distinción outorgada pola Asociación Amicos, ao compromiso da Administración autonómica coa economía social

A central de chamadas do transporte público da Xunta recibe o premio da Asociación Amicos ás boas prácticas en contratación responsable

A contratación deste servizo reservouse a centros especiais de emprego de iniciativa social e funciona desde 2019 como un exemplo do compromiso coa integración laboral

A central rexistra unha media mensual de 1.280 chamadas, alcanzando un máximo de 1.513 chamadas nun único mes

O servizo permite dar resposta inmediata ás solicitudes de información, rexistro de incidencias relacionadas co transporte regular de viaxeiros da Xunta e á reserva de praza en servizos de bus baixo demanda

Garante a atención a todas as persoas, complementando os servizos que xa se prestan a través da web bus.gal
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, recolleu esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago o premio ás Boas Prácticas en Contratación Responsable, outorgado pola asociación Amicos ao servizo de xestión telefónica do sistema de transporte público de Galicia, cuxa contratación se reservou a centros especiais de emprego de iniciativa social.

Maestro sinalou que este programa, posto en marcha por primeira vez en setembro de 2019, é un exemplo do compromiso da Administración autonómica coa economía social e coa integración laboral do conxunto da sociedade, que permite obter resultados de éxito.

Así, salientou, o traballo que desenvolven os responsables dese servizo é esencial para garantir unha mobilidade sostible, accesible e de calidade para todos os galegos, especialmente para aqueles que viven no rural ou que teñen necesidades especiais de desprazamento. Grazas a esta atención telefónica, a Xunta ofrece unha atención personalizada, eficaz e profesional aos usuarios do transporte público.

Os datos avalan o éxito destes servizos, que rexistran un alto grao de satisfacción entre os seus beneficiarios, ao tempo que contribúen a xerar emprego estable e de calidade para as persoas con discapacidade.

Actualmente, a central rexistra unha media mensual de 1.280 chamadas recibidas, alcanzando un máximo de 1.513 chamadas nun único mes.

O traballo

Con este servizo a Xunta ten ademais como prioridade garantir a prestación dun servizo dirixido a aquelas persoas que poidan ter máis dificultades para acceder a os servizos existentes na páxina web, asegurando a universalidade do servizo público de transporte público.

Cómpre lembrar que estes servizos son complementarios ao que a Xunta presta, igualmente, a través de sistemas tecnolóxicos, especialmente a través da páxina web bus.gal, na que se concentra a información sobre os servizos públicos de transporte regular de competencia autonómica. Ao tempo, estes servizos permiten, tamén, realizar directamente reservas de autobuses baixo demanda.

Os servizos básicos que prestan as persoas traballadoras inclúen facilitar toda información sobre o sistema de transporte público interurbano de Galicia: consultas sobre servizos de transporte interurbano (horarios, paradas, calendarios, expedicións, tarifas ou bonos), así como as actuacións relacionadas coas iniciativas promovidas pola Administración autonómica, tales como a tarxeta Xente Nova ou a Área de Transporte de Galicia, ou calquera outro aspecto relacionado cos autobuses da Xunta.

O persoal ocúpase tamén da realización de reservas previas en servizos de transporte con tráficos que a Xunta presta na modalidade baixo demanda, e outras actividades relacionadas, como a xestión das incidencias notificadas a través de calquera dos medios habilitados en relación coa prestación dos servizos de autobús previamente reservados.

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades dos cidadáns en materia de mobilidade.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023