A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou a senda Costa Ártabra, obxecto dunha das intervencións

A Xunta financia con máis de 255.000 € seis actuacións de embelecemento do litoral galego nos concellos Ares, Narón e Neda

Esta convocatoria de axudas de Turismo de Galicia e dotada dun orzamento de 4,4 M€, ten por obxecto mellorar e potenciar o litoral galego actuando sobre os seus recursos naturais, patrimoniais e culturais

As achegas dirixidas a concellos do litoral divídense en tres liñas: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares, transición dixital dos recursos con potencial turístico e transición accesible
 

Narón (A Coruña), 27 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia financiará con 255.051,53 euros un total de seis proxectos municipais de embelecemento do litoral galego nas comarcas de Ferrol e Eume. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución desta convocatoria de Turismo de Galicia dirixida aos concellos durante una visita efectuada á senda Costa Ártabra, en Narón, obxecto dunha destas axudas, e na que estivo acompañada de representantes municipais.

O proxecto, que conta cunha subvención de 71.149 euros, consistirá no acondicionamento dun tramo de 3,4 quilómetros deste camiño ao seu paso pola parroquia do Val onde se procederá á limpeza, rasanteo da plataforma e a súa compactación. Prevese tamén o reforzo cunha capa de saburra que regularice e afirme os regueiros de escorrentía, así como a colocación de oito perpiaños de granito a modo de espazos de descanso e miradoiros.

O Concello de Narón beneficiouse tamén doutra achega de 12.295 euros para a implantación de audioguías e códigos QR en paneis do Centro de interpretación dos Muíños industriais.

Pola súa banda, o Concello de Ares recibirá financiación para tres proxectos: a recuperación ambiental do Camiño Salgueiras (71.990 euros) correspondente á liña 1 desta convocatoria para a transición verde e ecolóxica par a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares; o subministro e instalación de pantalla interactiva na fachada marítima (13.449) da liña 2 de transición dixital dos recursos con potencial turístico, e a reforma de equipamentos da mellora de accesibilidade a recursos turísticos da antiga escola indiana do Lago (46.649,17 euros), que se corresponde coa liña 3 de transición accesible e inclusiva.

Nesta última liña, tamén resultou beneficiado cunha achega de 39.467 euros o Concello de Neda que financiará a restauración dun tramo do Camiño Inglés no núcleo histórico da localidade, nas rúas Real e Paraíso.

“A Xunta considera unha prioridade a recuperación da fachada do litoral galego onde se localizan numerosas vilas e cidades, así como gran cantidade de infraestruturas en desuso. Desa necesidade de mellorar e potenciar o litoral, actuando sobre os seus recursos naturais, culturais e patrimoniais, nacen estas axudas”, explicou Aneiros.

O Goberno galego destinou á convocatoria un orzamento de 4,4 M€ que se enmarcan no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

 

DISTRIBUCIÓN DAS AXUDAS A CONCELLOS DA ZONA PARA ACTUACIÓNS DE EMBELECEMENTO DO LITORAL

Liña 1 : transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

 

Entidade beneficiaria

Descrición da actuación
Importe da subvención

Concello de Ares

Recuperación ambiental Camiño Salgueiras

71.990,39 €

Concello de Narón

Acondicionamento da senda litoral Ártabra (Narón)

71.149,92 €
 
 

Liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral

 

Entidade beneficiaria

Descrición da actuación
Importe da subvención

Concello de Ares

Subministración e instalación de pantalla interactiva na fachada marítima

13.499,50 €

Concello de Narón

Implantación de audioguías e códigos QR en paneis do Centro de interpretación dos Muíños Industriais

12.295,27 €
 
 

Liña 3: transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo

 

Entidade beneficiaria

Descrición da actuación
Importe da subvención

Concello de Neda

Restauración de tramo do Camiño Inglés no núcleo histórico de Neda: rúas Real e Paraíso

39.467,28 €

Concello de Ares

Reforma de equipamentos para mellora de accesibilidade a recursos turísticos da antiga Escola Indiana do Lago e promoción da cultura e patrimonio indiano

46.649,17 €
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023