O conselleiro do Medio Rural clausurou hoxe a gala das Catas de Galicia 2023 no Pazo de Quián en Boqueixón

A Xunta destaca o papel do sector vitivinícola na contribución da Marca Galicia por todo o mundo e para impulsar a economía no rural

Subliña que este eido aglutina a case 500 adegas e máis de 10.000 viticultores e xera un valor económico de 230 millóns de euros ao ano

Destaca o labor das persoas que a principios dos anos 80 contribuíron a impulsar este sector ata converter Galicia nun referente vitivinícola

Lembra que a Xunta ten en marcha a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e axudas para a comercialización ou a promoción dos viños e licores galegos

Boqueixón (A Coruña), 26 de xuño de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou hoxe a gala das Catas de Galicia 2023 celebradas no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. Neste evento, o conselleiro felicitou aos premiados cos mellores viños, augardentes e licores tradicionais deste ano. Alí, destacou o papel do sector vitivinícola para levar a marca Galicia por todo o mundo e impulsar a economía no rural galego.

 

González destacou que Galicia é un referente do sector vitivinícola, un eido conformado por preto de 500 adegas, no que traballan máis de 10.000 viticultores e que xera un valor económico de 230 millóns de euros ao ano na comunidade. Seguindo esta liña, salientou a evolución do sector desde principios dos anos 80 e recoñeceu o labor das persoas que naquela época contribuíron a impulsar este eido que hoxe en día é un dos motores da economía no rural galego.

 

O conselleiro aproveitou a situación para darlle as grazas ao exconselleiro de Agricultura Fernando Garrido, que recibiu o premio de honra en representación de todas as persoas que hai máis de 35 anos apostaron polo potencial do sector vitivinícola galego e puxeron en marcha iniciativas para revitalizalo.

 

Xa para finalizar, asegurou que a Xunta segue traballando co obxectivo de mellorar e consolidar este sector con medidas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia ou con axudas específicas para que o sector comercialice os produtos -13 millóns de euros nos últimos cinco anos-, promocione o viño galego no exterior (5,7 millóns) ou para a reestruturación de viñedos (10 millóns) no mesmo período. A estas hai que engadir outras iniciativas que contribúen a impulsar este eido como a Lei de recuperación da terra agraria -que busca poñer en valor terreos en desuso ou abandonados e no marco da cal se impulsan figuras como os polígonos agroforestais destinados a viñedo- ou a Lei da calidade alimentaria, con medidas para impulsar a calidade nos produtos de orixe galega.

 

Catas 2023

Na edición deste ano das Catas de Galicia inscribíronse un total de 384 mostras de viño, concretamente, 264 de branco e 120 de tinto, procedentes de 166 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viños galegos. Así mesmo, rexistráronse un total de 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 16 empresas. Neste caso con 14 de augardente de Galicia, 5 de augardente envellecida, 5 de augardente de herbas, 8 de licor de herbas e 12 de licor café.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2023