O director do Instituto de Estudos do Territorio asistiu hoxe á reunión da iniciativa Green Infrastructure for Forest and Trees, no marco do programa Interreg

A Xunta avanza no desenvolvemento do proxecto GIFT de cara a establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde

No proxecto, impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER, ademais do Goberno galego, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023

A Xunta avanza no desenvolvemento do proxecto GIFT -Green Infrastructure for Forest and Trees- de cara a establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Deste xeito, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, participou hoxe nunha reunión de coordinación na que estiveron representados departamentos da Administración autonómica, asociacións ambientais e representantes do sector forestal, das reservas da biosfera -Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Ribeira Sacra e Serra do Oribio e Courel, e Río Eo, Oscos e Terras de Burón- e da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo deste encontro foi o de especificar os obxectivos específicos desta iniciativa, que ten como finalidade o deseño dunha metodoloxía común a todos os socios para, entre outras cuestións, incorporar a infraestrutura verde na ordenación do territorio como mellora estratéxica noutros instrumentos das políticas sectoriais.

A maiores, tamén se analizou o obxectivo de revitalizar árbores e bosques, elementos que definen especialmente a Galicia, como ferramenta natural para a mitigación e á adaptación ao cambio climático e para a conservación dos ecosistemas.

No proxecto, impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

Deste xeito, o carácter innovador do GIFT, que se prevé desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos, reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais co que se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023