Mercedes Peón e Leilía centran a programación musical do X Corazón da Artesanía en Agolada

Zumaque, Galifunk, Cantigas e Agarimos e Bico da Balouta completan as actuacións musicais desta cita imprescindible no calendario de eventos de Artesanía de Galicia

A Xunta impulsa o encontro que terá lugar nos Pendellos da localidade pontevedresa os días 7, 8 e 9 de xullo e que contará coa participación de 54 artesáns e 30 expositores de produtos de alimentación

Tamén se inclúen cursos de formación; obradoiros gratuítos abertos ao público infantil e adulto; e demostracións gastronómicas coa participación de reputados cociñeiros que ofrecerán os seus menús sobre pezas de Artesanía de Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023

A programación musical do Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que organiza a Xunta de Galicia nos Pendellos de Agolada os días 7, 8 e 9 de xullo,  contará coas actuacións de Mercedes Peón, Leilía, Zumaque, Galifunk, Cantigas e Agarimos e Bico da Balouta , que complementarán as actividades de divulgación e de posta en valor dos oficios artesanais galegos durante os tres días do evento.

A primeira actuación será o venres ás 22:00 horas na Praza do Concello, a cargo de Zumaque, unha formación integrada por tres músicos afincados en Santiago de Compostela: arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica; o contrabaixista Alfonso Calvo, vencellado a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas; e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, sempre vinculado á música tradicional galega. Zumaque Trío propón un percorrido renovado polos diferentes ritmos da música tradicional cunha absoluta renovación estética, e cun importante espazo para a creación espontánea e a improvisación.

 

As actuacións musicais do sábado 8 de xullo, tamén na Praza do Concello, correrán a cargo de Mercedes Peón, a partir das 13:30 horas, que presentará o seu traballo Déixaas, acompañada sobre o escenario de Ana Fernández e Mónica de Nut. Ás 22 horas será o turno  da banda Galifunk, un grupo de músicos galegos que xorde inspirado polas brass bands americanas, buscando romper coas pautas do clásico e facer as súas propias versións de temas de estilo disco, funky, R&B... que van desde os anos 70 ata a música máis actual. Tamén o sábado, está previsto un pasarúas a partir das 18:30 horas no recinto dos Pendellos a cargo da agrupación tradicional Bico da Balouta, de Agolada.

 

O domingo será a quenda do grupo Leilía, que actuará na Praza do Concello en sesión vermú, a partir das 13:30 horas, para presentar o seu último e derradeiro traballo Vidas cantadas.

A programación musical do Corazón da Artesanía pecharase cun desfile e unha actuación da agrupación de música tradicional Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, que terá lugar o domingo a partir das 18:30 horas, na Praza do Concello.

 

En horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que xunta gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para público infantil.

 

Na edición deste ano está prevista a participación de 54 profesionais de Artesanía de Galicia, 39 como expositores e outros 15 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación e talleres abertos, entre os que se atopan 9 obradoiros que participan por primeira vez neste evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023