A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar visitaron as súas instalacións de produción de cría de ameixa no Grove

A Xunta advirte de que as trabas do Estado a renovar a concesión da empresa A Ostreira fan perigar a subministración de semente ao sector marisqueiro

Ángeles Vázquez lamenta que as instalacións que a empresa ten no Grove vexan comprometido o seu futuro polas exixencias do Goberno central de cambiar de lugar unhas piscinas asentadas no dominio público marítimo-terrestre que son vitais no seu proceso de produción e que carecen de localización alternativa

O Executivo galego denuncia que é un novo despropósito de Costas do Estado no seu afán por sacar da beira do mar calquera instalación obviando tanto o posible impacto socioeconómico como se a súa produción é viable noutra zona

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asegura que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral pretende poñer fin a situacións coma esta e outorgar seguridade xurídica ás empresas do complexo mar-industria

O Grove (Pontevedra), 26 de xuño de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitaron hoxe as instalacións que a empresa A Ostreira ten no Grove e que ven comprometido o seu futuro polas exixencias de Costas do Estado para a renovación da súa concesión. O posible peche da planta, advertiron, suporía un duro golpe para o sector marisqueiro galego pois a empresa é a principal subministradora da semente de moluscos que se emprega para facer as sementeiras nos parques de cultivo e nos bancos marisqueiros das confrarías de pescadores.

 

A vicepresidenta segunda explicou que o problema xorde porque a Dirección Xeral da Costa e do Mar exixe que a empresa retire as piscinas de produción de fitoplancton -fundamentais para alimentar a semente na fase de preengorde- que ten en terreos de dominio público marítimo-terrestre. A Ostreira carece de espazos adicionais nos que construír unhas piscinas alternativas, co que a imposibilidade de mantelas na localización actual suporía truncar totalmente a súa produción facéndoa inviable.  

 

Ángeles Vázquez incidiu en que esta situación é unha mostra máis das incongruencias do Goberno central e da súa estratexia continua para retirar calquera instalación asentada nas proximidades do mar independentemente do seu impacto socioeconómico e de que a súa actividade poida desenvolverse ou non máis afastada do litoral.

Nesta liña, lamentou que estamos ante unha empresa que mesmo quería ampliar a súa produción -pasando de ter cinco piscinas de fitoplancton a oito- e que agora está máis preocupada por manter, polo menos, as instalacións actuais que por medrar. Un exemplo máis, sinalou a vicepresidenta, dos despropósitos que pretende evitar a Xunta coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, actualmente en tramitación e que, de feito, ampararía a localización actual das piscinas.

 

Neste sentido, explicou que a futura norma pretende outorgar seguridade xurídica ás empresas ao tempo que garante un equilibrio entre os valores ambientais, económicos e sociais desde un mellor coñecemento da realidade galega e do seu territorio.

 

O conselleiro do Mar, pola súa banda, asegurou que un hipotético peche da Ostreira deixaría o sector marisqueiro galego sen o seu principal subministrador de semente, o que tería efectos nefastos tanto nas repoboacións dos bancos e parques de cultivo do sector marisqueiro como, posteriormente, na súa produción.

 

A rigorosidade extrema na aplicación da Lei de Costas do Estado e do seu regulamento, lamentou Alfonso Villares, ameaza unha pata fundamental do complexo mar-industria de Galicia e as súas consecuencias -máis aló da propia empresa- poden estenderse ao sector marisqueiro, ás lonxas, ás empresas de depuración ou á cadea de comercialización, entre outras actividades relacionadas, afectando á economía e ao emprego das zonas costeiras.

 

O caso da Ostreira engádese a outras empresas depuradoras e do sector marítimo-pesqueiro ás que o Goberno central puxo trabas nos últimos anos para a renovación das súas concesións por atoparse en terreos de dominio público marítimo-terrestre, o que complica o seu futuro e a súa continuidade na súa localización actual. 

 

A Ostreira

Esta empresa é o único produtor de semente de ameixa fina, babosa, xaponesa e tamén ostra de Galicia que controla a totalidade do ciclo produtivo. O proceso comeza nas súas instalacións de Barizo (Malpica) onde se obteñen as larvas de reprodutores seleccionados da máxima calidade para o seu posterior traslado á planta do Grove, operativa desde 1984. Alí completan a fase de preengorde alimentándose do fitoplancton que se produce nas piscinas exteriores e pasan ao proceso de engorde en batea, previo a que a semente xa estea lista para enviar aos parques de cultivo ou bancos marisqueiros para facer as repoboacións.  

 

A Ostreira produce ao ano uns 150 millóns de unidades de semente de moluscos bivalvos converténdose na principal subministradora de Galicia. En 2018 puxo en marcha un proxecto para ampliar a súa produción e dar resposta á demanda de semente do mercado co obxectivo de producir entre 200 e 250 millóns de unidades, o que practicamente permitiría cubrir as necesidades do sector marisqueiro galego. Non obstante, os seus plans víronse frustrados polos obstáculos postos por Costas do Estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023