A Xunta sinala en Marín o potencial de Pontevedra para xerar emprego e pon en valor a Rede de polos de emprendemento para dinamizar o mercado laboral

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, interviu hoxe na clausura dos Encontros coa pequena empresa, unha xornada informativa sobre axudas autonómicas ao emprego e os polos

Apuntou que a Rede conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no eido laboral e ás empresas para seguir creando emprego en Galicia

Na provincia está en activo o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas que atendeu desde a súa posta en marcha hai un ano 93 proxectos promovidos por un cento de persoas emprendedoras

Marín (Pontevedra), 26 de xuño de 2023 O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe en Marín nos Encontros coa pequena empresa, unha xornada informativa sobre as axudas ao emprego da Xunta e a Rede de polos de emprendemento na que destacou “o gran potencial” de Pontevedra para xerar emprego.

Na clausura desta iniciativa interviu o novo secretario xeral de Apoio ao Emprego, quen sinalou o importante labor que está a desenvolver a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo no territorio. Tal e como describiu, trátase dunha rede que conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio.

Nos polos que actualmente están activos (serán 15 a finais deste ano) e que xa prestan cobertura ao 100 por cento da xeografía galega, acompáñase ás emprendedoras e emprendedores galegos nos seus proxectos, desde principio ao fin, ao tempo que se celebran actividades de difusión da cultura emprendedora nas que se fomentan o intercambio de ideas e coñecementos.

En toda Galicia xa estase a prestar apoio a través desta iniciativa a unhas 380 persoas emprendedoras con máis de 1.000 sesións de titorización, e se está tamén a atender 355 proxectos, dos cales o 80,28 % xa están activos (285).

Na provincia de Pontevedra están en activo na actualidade o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas que dá cobertura ás comarcas do Deza, Caldas e O Salnés, xunto cos concellos da Estrada e Barro. Desde a súa posta en marcha hai un ano, atendéronse neste polo 93 proxectos de diferentes sectores (comercio, hostalería, actividades artísticas ou da agricultura) promovidos por un cento de persoas emprendedoras.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego destacou, ademais, as principais axudas da Xunta ao emprego, sinalando que van dirixidas principalmente a pemes e micropemes e empresas e entidades da economía social por constituír o 90 % do tecido empresarial de Galicia. Avogou tamén pola colaboración pública-privada para dar resposta aos retos actuais do mercado laboral e axudar ás empresas galegas a ocupar os postos laborais que demandan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023