A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, xunto coa delegada territorial, Martina Aneiros, visitaron esta mañá as instalacións situadas na praza da Constitución

A Xunta pon en marcha Espazo Conciliación en Ferrol para favorecer a corresponsabilidade familiar

Esta iniciativa de balde, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 16 anos e desenvólvese en horario de mañá e tarde ata o 16 de xullo

A inscrición pode realizarse presencialmente ou a través do enderezo electrónico espazos.corresponsables@gmail.com
 

Ferrol, 26 de xuño de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron esta mañá Espazo Conciliación, unha iniciativa piloto promovida na cidade pola Consellería de Promoción do Emprego que xa se levou a cabo durante as pasadas festas de Nadal e que ten por finalidade favorecer a conciliación e a corresponsabilidade familiar coincidindo coas vacacións escolares.

Este servizo de carácter gratuíto, enfocado a nenas e nenos de entre 4 e 16 anos, abriu as súas portas a pasada semana. Levarase a cabo ata o próximo 16 de xullo en horario de mañá e de tarde, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Dez monitores titulados e especializados en distintas actividades inician aos máis pequenos en deportes como o skate, ademais de realizar talleres de reciclaxe ambiental, paseos culturais, visitas ao Museo Naval o achegamentos á historia da navegación a través dun roteiro.

A secretaria xeral da Igualdade puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa corresponsabilidade familiar e, neste eido, apuntou á nova Lei galega de Igualdade que nestes intres estase a tramitar no Parlamento e que xira en torno ao concepto do benestar laboral, adaptándose á nova realidade sociolaboral para integrar a perspectiva de xénero no teletraballo, a racionalización dos horarios ou a desconexión, entre outros.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, salientou que “o Goberno galego ten un compromiso coa conciliación familiar e laboral e espazos como esta é un exemplo diso, á vez que se promove un ocio activo e lúdico para os máis pequenos durante este período de vacacións escolares, fomentando novos intereses e aptitudes nos máis pequenos”.

As persoas interesadas en solicitar unha praza nesta iniciativa poderán facelo de xeito presencial ou enviando un correo electrónico a espazos.corresponsables@gmail.com. O límite de prazas para cada xornada é de 40 participantes.

 

Data de actualización: 26/06/2023