Aberto o prazo para solicitar praza gratuíta ou bonificada en residencias de estudos o próximo curso para estudantes de Bacharelato e de FP

Educación oferta vacantes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para estudantes procedentes de localidades onde non exista a oferta académica que cursan nin teñan a posibilidade de ir a outras limítrofes

Os usuarios seleccionados poderán acceder a unha praza de balde ou pagando unha taxa subvencionada cuxa contía varía en función da renda familiar

No presente curso máis do 90 % dos 654 alumnos seleccionados non tiveron que aboar nada pola praza

Así mesmo, convócanse 30 prazas para universitarios que presten apoio como bolseiros nestes centros

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023 A Xunta ten aberto o prazo para solicitar unha praza bonificada en residencia de estudos o vindeiro curso 2023-24 nos centros residenciais docentes da Coruña (situado no Concello de Culleredo), Ourense e Vigo, unha convocatoria dirixida a estudantes de ensino posobrigatorio (principalmente de Bacharelato e de Formación Profesional).

Tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, estas prazas están dirixidas a alumnos matriculados en centros sostidos con fondos públicos situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo, sempre que as ensinanzas que cursen non se impartan en ningún centro da localidade de residencia habitual da unidade familiar á que pertenza nin noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade.

Poderán solicitar praza de residencia, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas matriculadas en estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2023/24. O alumnado que obteña praza terá dereito de reserva ata que complete os estudos correspondentes, sempre que non repita curso e non variasen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

Criterios de valoración

Os beneficiarios poderán acceder a unha praza en réxime de residencia de xeito totalmente gratuíto ou ben bonificada. Neste último caso, o estudante aboará entre un 10 e un 30 % do custe total da praza en función da renda per cápita familiar.

En canto aos criterios de valoración, cómpre sinalar que se terán en conta os datos socioeconómicos, a composición da unidade familiar, a renda, condición de discapacidade ou desemprego e o rendemento académico, seguindo as baremacións establecidas na convocatoria. No actual curso 2022/23 goza deste servizo de forma gratuíta máis do 90 % dos 654 alumnos residentes nestes centros.  

Con esta acción, da que desde o curso 2009-10 se beneficiaron arredor de 8.800 alumnos, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades facilita o acceso a esta formación ao alumnado que se escolariza en localidades distintas ao seu domicilio habitual e non ten posibilidade de desprazamento a outra localidade próxima.

Prazos de presentación

O prazo de presentación de solicitudes para o alumnado matriculado en Bacharelato estará aberto ata o vindeiro 12 de xullo e ata o 1 de agosto para o alumnado matriculado en FP. As listaxes definitivas ca relación de persoas admitidas, excluídas e adxudicatarias, farase de forma conxunta tanto a través da páxina web da Consellería coma no taboleiro ou páxina web do respectivo centro residencial

Colaboradores 

Así mesmo, convócanse 30 prazas para estudantes universitarios que presten apoio como bolseiros nestes centros, que tamén poderán acceder a vivir neles durante o vindeiro curso de forma gratuíta. Tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de agosto e poderá formalizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O obxectivo destas bolsas -que desde o ano 2019 chegou a 415 persoas colaboradoras- é facilitar ao alumnado universitario aloxamento e manutención gratuíta no centro residencial, a cambio de que colabore co persoal profesional que traballa neles en determinados aspectos relacionados coa orde interna, a convivencia e o desenvolvemento de accións formativas e complementarias do alumnado residente.

Neste caso, as persoas solicitantes deberán estar matriculadas en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2023/24. Os beneficiarios da praza de colaborador bolseiro non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

No proceso de selección das persoas candidatas, terase en conta a renda da unidade familiar, o rendemento académico así como a súa experiencia derivada da participación en cursos ou accións formativas ou no traballo colaborativo e o seu coñecemento de linguas estranxeiras ou de ofimática, valorada mediante unha entrevista.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023