Joaquín Macho Canales tomou posesión como novo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural

Foi nun acto celebrado esta mañá e presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González

Macho Canales era ata o de agora secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá en San Caetano o acto de toma de posesión de Joaquín Macho Canales como novo secretario xeral técnico da Consellería. O titular de Medio Rural felicitouno por asumir esta nova responsabilidade e desexoulle éxito no desempeño do cargo. Ademais, valorou o seu talante e traxectoria profesional e recoñeceu o labor dos seus antecesores no cargo.

Pola súa banda, Macho Canales agradeceu a confianza depositada nel e comprometeuse a traballar arreo polo rural de Galicia, dende a súa nova condición como secretario xeral técnico da Consellería. Tras repasar a súa ampla experiencia na administración, amosou a súa disposición a continuar aportando esforzo e dedicación nesta nova andaina.

Joaquín Macho era ata o de agora secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Nado en Sevilla, é Licenciado en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas. Desde 2006 é funcionario do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, na escala de letrados. Desempeñou tarefas de responsabilidade como letrado asesor no Gabinete Xurídico Territorial de Santiago.

No 2009 foi nomeado subdirector xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa da Consellería do Mar e en 2012 desempeña o cargo de vicesecretario xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar. Posteriormente, no 2013, desenvolve o posto de asesor xurídico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Con anterioridade á súa etapa como secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -cargo que ocupaba desde 2015 ata a actualidade-, foi vicesecretario xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2023