A Xunta asina o convenio para a formación en igualdade laboral de persoas traballadoras coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape)

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece un programa en liña para formar empresas en igualdade laboral grazas ao convenio subscrito con Fegape, que terá vixencia os próximos catro anos

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un convenio de colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) para a formación en materia de igualdade e benestar laboral de traballadoras e traballadores, a través do campus en liña na materia.

Esta plataforma está consolidada como un espazo dixital que ofrece cursos por videoconferencia especializados no fomento, na formación e na sensibilización á sociedade en materia de igualdade laboral efectiva mediante accións gratuítas que abranguen eidos como a conciliación laboral, a corresponsabilidade, a prevención do acoso ou a perspectiva de xénero nos procesos de cualificación, contratación e prevención de riscos laborais.

A través deste acordo, que terá unha vixencia de catro anos, a Xunta e a Fegape ofrecen ás empresas e ás persoas traballadoras actividades formativas con perspectiva de xénero. Esta oferta está dirixida a máis de 10.000 traballadores das empresas integradas na federación co obxectivo de estender as medidas de igualdade laboral e a conciliación así como a responsabilidade social empresarial entre o tecido produtivo.

A Xunta de Galicia está comprometida coa promoción da sustentabilidade social empresarial. A comunidade, nesta liña, contará cunha nova lei de igualdade que impulsará este concepto como acicate para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento.

A comunidade galega será así a primeira administración do Estado en regular este concepto, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial.

Data de actualización: 25/06/2023