A Xunta adxudica a redacción do proxecto de renovación do firme na autovía AG-53 entre Cea e a A-52, cuxas obras suporán un investimento de case 4,7 M€

O contrato, adxudicado por 15.000 euros, definirá as reparacións para realizar sobre o pavimento e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada deste treito de 13 km da autovía Dozón-Ourense

O traballo conta cun prazo de 12 semanas, co obxectivo de telo rematado no outono para aprobar e licitar as obras a finais de ano e executalas a partir da primavera

A previsión é intervir nunha superficie de 273.000 m2, incluídos os ramais do enlace coa OU-402 e A-52, ademais duns 10.000 m2 en carrís adicionais

O proxecto incluirá unha análise completa das afeccións ao tráfico, con especial atención nas conexión da AG-53 coa A-52 e tamén revisará a adecuación das barreiras de seguridade á normativa vixente

A intervención completa as obras iniciadas este mesmo martes de rehabilitación puntual do firme na AG-53, ás que se destina un investimento de 423.500 euros
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de renovación do firme da autovía Dozón-Ourense (AG-53), entre Cea e a A-52, cuxas obras se estima suporán un investimento de case 4,7 M€.

O contrato, adxudicado por un importe de 15.000 euros á empresa Eptisa, Servizos de Enxeñería, S.A., deberá definir as reparacións que se deben realizar sobre o pavimento existente, e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada deste treito de 13 km entre o enlace de Cea, no quilómetro 74+200, e o seu final no enlace coa estrada OU-402 e a A-52, no punto 87+200.

O prazo de redacción do proxecto é de 12 semanas. O obxectivo é telo rematado no outono e poder aprobar e licitar as obras a finais de ano, para a súa execución desde finais da primavera de 2024. O prazo máximo de execución dos traballos é de 6 meses.

As intervencións executaranse neste treito da autovía, de dobre calzada con 2 carrís de 3,5 metros, beiravías exteriores de 2,5 metros e beiravías interiores de 1 metro. As obras comprenden intervencións nunha superficie aproximada de 273.000 m2, incluídos os ramais do enlace coa OU-402 e coa A-52, ademais duns 10.000 m2 en carrís adicionais.

Baixo este contrato deberanse definir as reparacións para realizar sobre o pavimento existente, e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada.

No proxecto incluirase unha análise completa das afeccións ao tráfico, con especial atención ás que inevitablemente se producirán na conexión da AG-53 coa A-52.

Tamén se revisará a adecuación das barreiras de seguridade á normativa vixente, tanto metálicas como de formigón, incluída a barreira existente na mediana, propoñendo as modificacións precisas para a súa adaptación en caso contrario.

Finalmente definiranse o repintado das marcas viarias e a reposición do balizamento afectado polas obras.

Esta intervención está enmarcada nos traballos de mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade.

Esta contratación foi autorizada no Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Campaña rehabilitación de firme

Este contrato completa as obras xa en execución, desde este pasado martes día 20 de xuño, de rehabilitación puntual do firme na AG-53, ás que se destinará un investimento de 423.500 euros.

As obras en execución forman parte da campaña de conservación da Xunta de reforzo localizado do firme, e estanse a desenvolver en ambas as dúas calzadas do treito de preto de 13 quilómetros de lonxitude da AG-53, desde Cea e ata a A-52 (quilómetro 74,2 a 87), que presentan danos superficiais na capa de rodaxe existente.

Nesta mesma intervención tamén se inclúe unha actuación puntual de renovación do firme na calzada dereita do tramo Dozón-Cea, á altura do quilómetro 59,9.

Data de actualización: 24/06/2023