Galicia mostra a investigadores de Costa Rica o seu labor de control do medio mariño e da produción de moluscos

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 25 de xuño de 2023 A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, recibiu esta semana a dous investigadores de Costa Rica que están a traballar nun estudo sobre moluscos e que visitaron o centro dependente da Consellería do Mar para coñecer o labor de control que realiza a comunidade galega neste ámbito. Ambos comprobaron o exhaustivo seguimento do medio mariño que realiza o Intecmar para garantir o cumprimento das normas relativas a aspectos como a seguridade alimentaria e a sanidade animal dos moluscos bivalvos. De feito, ese labor supón a realización de arredor de 90.000 análises de distintos tipos ao ano.

Ademais coñeceron o papel do Intecmar como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas e a historia deste centro de referencia internacional que conta con máis de 25 anos de experiencia na materia. Estas funcións convérteno nunha peza fundamental para garantir a trazabilidade e a calidade dos moluscos e a súa chegada ao mercado con todas as garantías hixiénico-sanitarias, algo especialmente relevante tendo en conta que Galicia é unha importante potencia exportadora de moluscos bivalvos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/06/2023