O alumnado da 15ª promoción de Policía Local remata a primeira parte da súa formación práctica na Agasp cunha olimpíada

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de premios da ‘I Olimpíada de Policía Local de Galicia’ que se levou a cabo nas instalacións da Academia grazas á implicación do alumnado e do profesorado

A Xunta agarda que esta iniciativa pioneira e diferenciadora que promove o compañeirismo e a práctica do deporte se manteña con futuras promocións e se converta nunha tradición

O evento celebrouse na última xornada da primeira parte da formación teórica dos integrantes da 15ª promoción de Policía Local na Agasp antes das prácticas de verán nos seus respectivos concellos

A Estrada (Pontevedra) 23de xuño de 2023 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de premios da I Olimpíada de Policía Local de Galicia na que participaron os 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

A xornada coincide coa última xornada lectiva coa que o alumnado remata a primeira parte da súa formación teórica antes de realizar as prácticas nos seus concellos de orixe. Xa esta semana tiveron unha experiencia piloto ao participar durante tres días en prácticas cos axentes da Policía Local no concello do Porriño. En setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica da súa formación e graduarse antes de tomar posesión.

Santiago Villanueva destacou estas olimpíadas como unha iniciativa pioneira que agarda que se manteña nas futuras promocións e se converta nunha tradición. Así, incidiu en que a través das distintas probas, moitas delas por equipos, contribúese a fomentar o compañeirismo e pertenza a un grupo, ao mesmo tempo que se promove a actividade física e o deporte.

Dous equipos de 32 alumnos participaron nos exercicios propostos que comezaron onte pola tarde e continuaron hoxe pola mañá. Outros 14 alumnos da promoción exercen como árbitros e organizadores.  Por unha banda, o pavillón deportivo da Agasp acolle as probas de velocidade, dominadas, suspensión en barra, xogo da corda ou brilé, e mesmo un circuíto de axilidade, ademais de partidos de fútbol, ping-pong e baloncesto. Na piscina lévase a cabo a carreira de remudas de natación, no exterior unha carreira de varios quilómetros e na galería de tiro as probas relacionadas con esta disciplina.

O director xeral de Emerxencias e Interior agradeceu a implicación do alumnado e a necesaria colaboración do profesorado e do persoal da Academia para garantir o correcto desenvolvemento destas olimpíadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023