A Xunta licita a contratación de 1.250 prazas para estadías de persoas maiores en balnearios de Galicia

O orzamento deste contrato ascende a preto de 732.000 euros e os establecementos interesados teñen de prazo ata o vindeiro día 20 de xullo para presentar as súas propostas

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia ten en contratación a reserva e ocupación de 1.246 prazas para estadías en establecementos da Comunidade Autónoma dentro do programa Benestar en Balnearios 2023. O orzamento desta licitación é de case 732.000 euros e os balnearios teñen de prazo ata o vindeiro día 20 de xullo para presentar as súas propostas. 

As estadías serán de dez días e nove noites con aloxamento, manutención en réxime de pensión completa e os tratamentos termais, e se desenvolverán no último trimestre deste ano. Ademais do prezo ofertado, para a selección dos balnearios adxudicatarios teranse en conta aspectos como o número de técnicas termais empregadas, a capacitación profesional do persoal ou as medidas que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos traballadores. 

A través do programa Benestar en Balnearios, o Goberno galego promociona hábitos de vida saudables, a participación activa, os coidados e as relacións entre as persoas maiores. Así mesmo, este tipo de iniciativas axudan a evitar posibles situación de illamento e soidade non desexada.

Benestar en Balnearios diríxese a persoas maiores de 60 anos. Ademais de desfrutar dun tempo de ocio en compañía e de beneficiarse de tratamentos termais, durante as estadías nos establecementos os participantes teñen seguimentos médicos e unha ampla oferta de actividades de animación sociocultural.

Data de actualización: 24/06/2023