O conselleiro do Medio Rural participou na clausura da asemblea anual da Federación Europea del Tablero en Santiago de Compostela
A Xunta pon en valor as políticas forestais galegas como un referente no sector para o resto de rexións europeas
José González destacou a importancia de facer políticas activas para seguir aproveitando os recursos endóxenos que ofrece o sector forestal
O conselleiro salientou que Galicia é unha potencia forestal e as súas políticas neste eido son un exemplo dentro e fóra de Galicia
O titular de Medio Rural apostou por seguir medrando neste sector e impulsando proxectos que avoguen polo uso da madeira
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023.-O conselleiro do Medio Rural participou na clausura da asamblea anual da Federación Europea del Tablero. Neste encontro con membros do sector, José González salientou a importancia da industria da madeira en Galicia e a aposta firme da Xunta para seguir medrando neste eido. Así, destacou que a nosa comunidade é unha potencia forestal en España e Europa, polo que as súas políticas nesta materia son un referente para o resto de rexións.
José González fixo referencia ao Inventario Forestal Continuo e ao Plan Forestal de Galicia como ferramentas que permiten xestionar o territorio e facer que a nosa comunidade medre no sector forestal, “mantendo os compromisos de transición verde, biodiversidade, neutralidade climática e consumo responsable”, destacou o titular de Medio Rural.
Así, o conselleiro fixo fincapé na importancia que ten revalorizar a industria madeireira como piar fundamental do modelo de economía circular que inclúa a todos os axentes do sector e permita, a súa vez, un beneficio colectivo. Por iso, salientou a motivación da Xunta no uso da madeira a través de axudas que impulsen obras e proxectos nos que este material sexa o recurso principal.
Nesta liña, José González destacou que o seu departamento quere seguir apostando pola transmisión de coñecementos e experiencia; así como “sentar as bases para establecer un modelo específico para facer as cousas e apostar polo sector e, en particular, pola fabricación de taboleiros”, recalcou o conselleiro.